Rueda mantén o modelo de xestión previsto para o centro de discapacidade de Ourense

Alfonso Rueda, esta sexta feira en San Cibrao das Viñas (comarca de Ourense). (Foto: Xunta da Galiza)

O presidente galego defende que se preserva a prestación dun servizo de "alta calidade" e que “ás familias o que lles interesa é que empece a funcionar canto antes”.

O presidente galego, Alfonso Rueda, quixo lanzar unha mensaxe de "tranquilidade" ás familias da plataforma ProCAPD, respecto da súa petición de xestión pública directa para o centro de atención ás persoas con discapacidade da Xunta da Galiza, aínda que ratificou que a xestión será levada a cabo por unha entidade sen ánimo de lucro.

Tras a multitudinaria protesta que tivo lugar na quinta feira, a preguntas dos medios en Ourense, o presidente galego pediu "tranquilidade". "Falamos dun centro público, construído pola Xunta da Galiza e que terá uns criterios de admisión a través de listas públicas, así como uns prezos públicos", dixo, antes de engadir que atenderá "ao redor de 110 persoas", convencido de que "vai ser un servizo moi importante para Ourense".

Neste sentido, expuxo que a licitación será a través dunha entidade social sen ánimo de lucro, sistema que lembrou xa se está utilizando nas residencias da Fundación Amancio Ortega "ou nun centro similar ao de Ourense que se vai a abrir en Ferrol".

Con todo, desde ProCAPD, formado por máis de 70 familias, rexeitan a xestión privada. "Non queremos saber nada deste tipo de organización allea pola propia experiencia doutros centros deste tipo que son concertados", afirmaba na quinta feira a Nós Diario Eva Gutiérrez, unha das portavoces da plataforma. Pon como exemplo o caso dun estabelecemento de maiores dependentes no Carballiño (comarca homónima) no que tivo que intervir a Administración galega en decembro por "falta de persoal, maior carga de traballo e varios supostos casos de acoso laboral que xa foran denunciados no seu momento".

"Creo que o importante é a garantía de que estamos a falar dun centro público que vai ser xestionado con eses criterios que acabo de dicir. Por tanto, tranquilidade absoluta", pediu Rueda, lamentando que "sempre hai intereses políticos que, ás veces, pouco teñen que ver co que se está falando de verdade".

Así, criticou as opinións vertidas pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, aos que afeou que, "se por algo se caracterizan moitas veces, é por falar sen ter ningún tipo de información". "Non me sorprenderon en absoluto, pero van en sentido contrario ao que é a realidade", apostilou.

Rueda insistiu en que a prestación por este sistema de xestión de entidade social sen ánimo de lucro "con experiencia e con capacidade" será por concurso. "A que o gañe terá que cumprir con eses criterios e o que imos pedir é un nivel que canto máis se achegue á excelencia mellor. Esa é a decisión que quero transmitir", advertiu.

Prazos de apertura: entre marzo e maio

Así as cousas, manifestou que o sistema de xestión elixido responde á necesidade de ofrecer un servizo de "alta calidade" ás familias. "O que lles interesa é que empece a funcionar canto antes despois de tantos anos de espera. Ese funcionamento promovido pola administración pública, a Xunta da Galiza, con prezos públicos, listas públicas, ese tipo de matices fronte á necesidade de que funcione canto antes e funcione ben creo que non teñen tanta importancia", dixo.