Rosa Crujeiras gaña a primeira volta das eleccións á Reitoría da USC e disputará o cargo con Maite Flores o 11 de marzo

Á esquerda, Rosa Crujeiras e á dereita, Maite Flores. (Foto: Nós Diario)
A Universidade de Santiago de Compostela deberá agardar á segunda volta electoral para coñecer quen será a súa primeira reitora. Ningunha das catro candidatas acadou o apoio necesario para obter a maioría absoluta, polo que Rosa Crujeiras e Maite Flores competirán nunha nova votación decisiva.

Como xa se viña prevendo, este 12 de febreiro remataron as eleccións á Reitoría e, porén, a Universidade de Santiago de Compostela non conta aínda cunha nova reitora, que, cando se confirme, será a primeira muller en ocupar o cargo na historia da institución. Agora, unha nova volta agarda á comunidade educativa o próximo 11 de marzo para descubrir, de forma definitiva, o nome que, de completarse o mandato, ocupará o posto durante os vindeiros seis anos.

Rosa Crujeiras sae así vencedora desta primeira rolda, ao obter o 41% dos votos ponderados, correspondentes con 985 votos. En segundo lugar, e a unha distancia considerábel, sitúase Maite Flores, cun 21% e 536 votos ponderados, a mesma porcentaxe que María José López Couso (malia que con 503 votos), mentres que Alba Nogueira queda na última posición cun 15% e 380 votos ponderados. En todo caso, ao non acadar ningunha candidata o 50% necesario para proclamarse reitora, será precisa unha segunda volta entre as dúas aspirantes máis votadas.

En concreto, e segundo os datos por sectores, Rosa Crujeiras acadou 459 votos ponderados por parte do Sector I (persoal docente e investigador con vinculación permanente), 96 do Sector II (resto do PDI), 291 do Sector III (estudantado) e 139 do Sector IV (persoal técnico de xestión de administración e servizos). Pola súa parte, Maite Flores acadou 270 votos ponderados do Sector I, 60 do Sector II, 161 do Sector III e 45 do Sector IV.

Pola súa parte, María José López Couso reuniu 291 votos ponderados do Sector I, 63 do Sector II, 113 do Sector III e 36 do Sector IV, mentres que Alba Nogueira obtivo 205 votos ponderados do Sector I, 46 do Sector II, 108 do Sector III e 21 do Sector IV.

Todo isto nunhas eleccións nas que a participación diferiu de maneira significativa segundo os sectores, cun seguimento de 95,94% entre o profesorado e persoal investigador con vinculación permanente, de 30,83% entre o alumnado, de 71,04% entre o resto do persoal docente e investigador e de 86,71% entre o persoal técnico de xestión e administración de servizos.

Os avances

Os dous avances de participación nas votacións deixaban xa entrever a posibilidade de que os resultados favorecesen as candidaturas de Maite Flores e Rosa Crujeiras, pertencentes ás facultades de Óptica e Optometría e de Matemáticas, respectivamente. Ambos eran, ademais, os centros nos que a porcentaxe de voto entre o alumnado superaba o 50% no avance de participación das 16 horas, un dato que anticipaba unha elevada mobilización estudantil, menos pronunciada noutros centros.

En calquera caso, tras a votación da comunidade universitaria a través do portal dixital habilitado para o proceso, foi necesaria a ponderación dos votos. Así, tal e como recolle o artigo 48 do Regulamento Electoral Xeral da USC, o Sector I —profesorado doutor con vinculación permanente— representou o 51% do voto; o Sector II —restantes categorías de persoal docente e investigador— o 11%; o Sector III —alumnado matriculado en titulacións oficiais— o 28%; e o Sector IV —persoal de administración e servizos— o 10%.

Entre as catro candidatas que disputaban a Reitoría —Rosa Crujeiras, Maite Flores, María José López Couso e Alba Nogueira— o proceso evidenciou a pluralidade de propostas e perfís que optan a liderar a universidade nun contexto marcado polos retos do financiamento, a política lingüística, a internacionalización e a adaptación ás novas demandas académicas e sociais.