Rogelio Santos Queiruga: "Hai que recibir o turismo que poidamos atender"

Rogelio Santos Queiruga. (Foto: Cedida)
Mentres miles de turistas enchen as praias galegas, o sector do mar non para e segue a procurar día tras día o mellor peixe e marisco. É o caso de Rogelio Santos Queiruga, mariñeiro e creador de contido que axuda a entender este oficio e a súa importancia. Esoutra cara, que non sempre vemos, das rías galegas. 

Rogelio Santos Queiruga (Porto do Son, 1978) é mariñeiro e divulgador de temas pesqueiros en redes sociais e medios de comunicación como Nós Diario. Leva 25 anos traballando no mar canda o seu irmán, e ambos os dous teñen o seu "despacho" nunha planadora que  percorre a ría de Muros e Noia desde Porto do Son. Desde 2020 explica na rede como son as súas capturas ao tempo que difunde o respecto por esta profesión e polo medio ambiente. A súa teima, que a xente coñeza cales son as especies protexidas para dar unha imaxe construtiva do mundo mariñeiro.

—Cando ten vacacións un mariñeiro na Galiza?
Os mariñeiros temos vacacións cando hai temporais ou cando non hai peixe e gastas máis en saír a pescar que optando por quedar en terra, algo que está pasando cada vez máis. Ademais, o traballo dos mariñeiros, por norma xeral, non remata no porto. Despois aínda hai que ir vender, arranxar redes ou facer outros traballos. No meu caso, como na maioría da frota de baixura, libramos as fins de semana, aínda que non son propiamente unhas vacacións. No marisqueo, en Noia, cando había boas campañas aproveitabas e descansabas ao final. Agora é máis difícil. 

—Como está o nivel de capturas nestes últimos meses?
Eu non sei como tanto peixe e marisco hai aínda. Hoxe collemos dous lumbrigantes de dous quilos e medio que naceron cando eu comezaba a ir ao mar, tendo en conta que a ciencia di que soben un quilo cada dez anos. Quere dicir que estiveron alí todo este tempo. Resistiron alí até hoxe.

Cada ano que pasa hai menos peixe no mar salvo en casos puntuais en especies de rápido crecemento, como pode ser o polbo ou a centola. Do resto, cada vez hai menos. Se falamos do marisqueo o caso é dramático. A frase que eu máis escoitei entre os meus compañeiros é "isto acabouse"; antes aínda era "isto acábase". Convivimos nesta realidade co aumento do custo dos combustíbeis e do que ten a ver coa actividade. Con todo, temos unha gran calidade de produto e estamos nun oficio que forma parte das nosas vidas.

—E ademais está o tema da remuda xeracional, que sempre se comenta cando se fala deste sector en concreto...
Se non hai capturas e os gastos moitas veces superan as ganancias, é moi complicado xerar ingresos. Aínda que mellorou a calidade de vida no sector e hai moita máis seguridade, os salarios seguen sendo baixos para unha actividade tan dura como é a do mar. Tamén pasa que hai peixe mais non se valora, non se apoia abondo por parte das administracións competentes. Pola contra, hai industrias, como a do salmón de acuicultura, con todas as súas eivas, que seguen crecendo e cobran até 15 euros o quilo, cando hai moito peixe galego que na lonxa os mariñeiros vendemos a prezos de até 50 céntimos o quilo. Se houbese máis ganancias habería mái barcos e máis xente disposta a ir ao mar.

  —Precisamente no caso do salmón, vostede foi moi crítico cunha recente campaña publicitaria da Xunta da Galiza que o promovía como peixe galego. Cre que falta coñecemento do noso mar nos despachos?
Algo farán mal cando outras empresas, como a do salmón, aumenta beneficios e o resto non. En Euskadi, por exemplo, é onde menos baixa o consumo de peixe por valorar o seu. Eu critiquei esa campaña por evocar un rapaz comendo sushi con salmón, algo que dista moito da realidade do noso peixe e da gastronomía galega. Non creo que sexa a mellor maneira de animar a consumir peixe galego. 

—E que opina do 'Bono Peixe' que impulsou recentemente o Goberno galego?
É un tema que me xera contradicións, e xera contradicións na sociedade e na política. Non parece moi compatíbel criticar supostas “paguiñas” e dicir que estamos "como en Venezuela" para despois ofrecer ese bono que lembra ás cartillas de racionamento. Regalar pan ao pobo, como os romanos. Mais, por outra parte, penso que non é diñeiro que levan os seus amiguiños en subvencións e 'contratas', senón que é para todo o mundo. 

—Na costa coincidirá con moito turismo estes días. Como se leva traballar no mar coa cada vez máis alta presenza de turistas?
No mar non coincidimos. Se cadra no porto, que, en principio, ten prohibido o paso ás persoas alleas ás actividades portuarias. No meu, como é pequeno, veñen ver como traballamos, e eu o que boto en falta é que sexan os mariñeiros os que leven os seus fillos ou netos, xente de aquí. Mais é positivo que a xente en xeral coñeza o noso traballo. Logo están as persoas que nos visitan que andan despistadas, sempre respectando os lugares e os oficios.

A nivel de traballo está ben, aumenta o prezo do peixe estes meses mais a masificación recoñezo que prexudica segundo que ámbitos. Un é o do marisqueo, co aumento da contaminación, e outro é o aumento do consumo de auga. Hai que recibir aquel turismo que sexamos capaces de atender e de ter as infraestruturas necesarias para darlle unha atención adecuada sen que xurdan problemas por outras partes. 

Na Galiza somos ao redor de 2,7 millóns de habitantes e o ano pasado recibimos uns 9 millóns de turistas ao longo do ano, que se concentran na costa, e a min isto preocúpame.

—Leva xa varios anos divulgando a súa actividade en redes sociais. Despois de todo este tempo, que valoración fai deste compromiso que segue traballando cada día?
Non sei de onde o saco o tempo, a verdade. Prodúceme máis desgaste físico e emocional o meu papel de activista en defensa das rías e do medio ambiente en contra de temas como é Altri ou a mina de San Finx. Pola contra, é moi satisfactorio crear contidos sobre o mar e recibir todo o cariño e o apoio que recibo a través das redes sociais.

A miña vida non cambiou. Eu sigo indo ao mar e creando contidos ao mesmo tempo. Ademais, fágoo en galego, aínda que teño persoas que me seguen desde todo o Estado español ou mesmo desde fóra. A proba é que moita xente me saúda cando me desprazo a Santiago ou a outros lugares. Páranme persoas descoñecidas que tiran fotos comigo.