Rogelio Santos non irá a actos apoiados pola Xunta "até que Paula Prado se desculpe"
O mariñeiro e divulgador Rogelio Santos, coñecido polas súas publicacións nas redes sociais sobre o mar e a vida no litoral galego, e número 4 do BNG nas pasadas eleccións europeas, anunciou onte que non volverá participar en ningún proxecto nin evento financiado ou apoiado pola Xunta da Galiza mentres non reciba unha desculpa pública por parte da secretaria xeral do PP galego, Paula Prado.
Nunha mensaxe publicada nas súas canles sociais, Santos asegurou que continuará a súa actividade "facendo contido por min mesmo, falando do mar, da Galiza e das miñas cousas", pero que rexeita colaborar en calquera iniciativa institucional "mentres non teña unha desculpa pública, como se é nunca".
O conflito xorde a raíz dunha acusación pública vertida por Prado, quen, nunha mensaxe nas súas redes sociais, atribuíu a Santos unha expresión "violenta" dirixida contra ela, en resposta ás súas propias declaracións nas que afirmara que o BNG quería traer a "kale borroka" á Galiza.
Rogelio Santos escribiu: "Ela bloqueoume a min por dicirlle que estivo imputada. Non, ela pode dicir o que queira, e eu podo dicir que me dá asco o que di. E direiche máis, xa que se pode falar como ela: moitas señoras deste país diríanlle a Paula Prado que ela si que ten falta dunha [emoticona de bomba] na cona". Tras a polémica, Santos engadiu que se trata dunha expresión dialectal.
Críticas de Rueda
O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, criticou esta segunda feira, a preguntas dos medios, que o BNG se "descolgue" dicindo que "son mensaxes persoais" e que non fagan "unha condena directa". Tamén esta segunda feira, a viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, sinalou que os comentarios de Santos "non teñen nada que ver co BNG".