Rogelio Santos denuncia a intolerancia en Instagram: "Non o vistades de 'é que a min non me importa con quen te deitas', é homofobia"

Rogelio Santos, á dereita, coa súa parella Cibrán. (Foto: R. S. Q.)
Segundo afirmou Santos, a publicación dunha foto bicando a súa parella en Instagram foi o detonante que lle fixo perder un total de 700 seguidores e seguidoras.

O mariñeiro e divulgador Rogelio Santos denunciou esta cuarta feira a homofobia nas redes sociais, e máis concreto nunha delas, Instagram. Segundo afirmou, a publicación dunha foto bicando a súa parella nesta plataforma foi o detonante que lle fixo perder un total de 700 seguidores e seguidoras.

"Non baixei en número de seguidores pola miña crítica á xestión dos pellets, non baixei en número de seguidores cando a número dous da Xunta [en alusión á secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado] inventou algo sobre min que non dixen, acusándome de machista e violento (e ela non é calquera )", argumentou.

En cambio, destacou o mariñeiro e divulgador de Porto do Son (comarca de Noia), "perdín 700 seguidores en Instagram cando colguei unha foto coa miña parella, Cibrán, dándonos un bico e contando como me sentía cando marchaba de xira a traballar fora".

"Non o vistades de 'e que a min non me importa con quen te deitas'. É homofobia. Nada máis. E eu non son nin homófobo nin heterófobo. Eu o que quero é que a xente sexa feliz coma min ou máis", continuou. "O curioso é que non pasou en Facebook, onde a media de idade é maior, nin en Twitter nin en Tiktok. Só en Instagram", destacou.

"Por suposto, alégrome que deixaran de seguirme, mais isto é froito de quen alentan ou xustifican mensaxes de odio contra cidadáns", dixo. "Por todo isto, eu non vou deixar de seguir subindo o contido que subín até agora en todas as redes sociais", concluíu Santos.