Roberto Vilar: “Quero pedir desculpas, nunca tivo que chegar a pasar iso”

Roberto Vilar, no Land Rober.

A produtora CTV afirma que “non pode máis que discrepar do episodio de violencia machista e di que TVG “foi allea” ao acontecido.

"Criamos que nos asegurabamos de que non había nada raro nesta relación e mirámolo por todos os sitios que podiamos mirar, pero aínda así equivocámonos. E despois cando sucedeu no plató, a relación non era tal como nos dixeron a nós, non era tal que así e quero pedir desculpas. Porque foi un erro do programa. Nunca tivo que chegar a pasar iso”. Así se expresa Roberto Vilar, presentador de 'Land Rober Tunai Show' da TVG após a polémica xerada pola denuncia dun episodio de violencia machista no programa.

O movemento feminista galego censurou nas redes sociais o programa da televisión pública 'Land Rober Tunai Show' polo episodio de violencia ao que someteu unha muller na emisión desta pasada quinta feira ao favorecer que se encontrase cun ex compañeiro baixo a premisa de "facer triunfar o amor" malia afirmar desde o primeiro que non ía volver con el.

A produtora, CTV, afirma que “lamentamos dita situación e a falta de sensibilidade sobre a mesma”. CTV ten encomendada a dirección do programa á produtora Destino Bergen, sendo esta a encargada da creación de contidos para ‘Land Rober’.

Nun comunicado Vilar sinala que “nós coa nosa boa intención de contar unha historia de amor criamos, eu persoalmente cría, que tiñamos unha historia de amor e equivoqueime completamente".

"Pido desculpas á audiencia, porque fallamos, sobre todo porque fallei eu. E isto servirame para estar moi atento. Pensaba que estaba moi atento, moita xente non se explica como son hoxe en día as relacións dos rapaces, pensaba que estaba atento a isto e que estaba alerta e non estaba suficientemente en alerta”, continúa o presentador.

“Prometo a partir de agora estar máis en alerta. Houbo algo que non vin, que non me din de conta. Síntoo moito, é fallo meu e vou procurar que non volva a pasar. Vou procurar mellorar neste aspecto. Estar máis alerta de verdade", engade Roberto Vilar.

"Grazas e desculpas á moza, á familia, aos amigos, a todos. É un erro que non pode volver a ocorrer e é un erro principalmente meu e así o estou vivindo e douvos as grazas por acompañarme neste momento. Moitas grazas”, conclúe o comunicado.