O ritmo de vacinación na Galiza continúa por detrás da media estatal

(Foto: Arxina).
Sanidade administrou 83,6% das doses recibidas, por baixo da media estatal, que se sitúa en 85,3%.

O último balanzo facilitado polo Ministerio de Sanidade sinala que das 786.365 vacinas recibidas, Galiza administrou 657.774, 83,6% do total, aínda por baixo da media estatal, que se sitúa en 85,3%. Son case 2 puntos menos.

Se ben Galiza xa non está na cola da administración de vacinas no Estado, como acontecía hai unha semana, segue por baixo da media no Estado. Só outros seis territorios teñen peores rexistros. Feixoo xustificara ese baixo rirmo de vacinación en que na Galiza non se administraban todas as doses recibidas, optando por gardar na reserva unha porcentaxe das mesmas.

O Ministerio indica que desas 786.365 vacinas que se entregaron a Galiza (até data do 8 deste mes, a pasada quinta feira) 532.000 eran de Pfeizer, 180.000 de AstraZeneca e 73.000 de Moderna.

A campaña de vacinación continuou esta fin de semana de acordo coa estratexia acordada polas comunidades autónomas e o Ministerio, e que contempla a vacinación das persoas entre 66 e 69 anos coa solución de Oxford e AstraZeneca.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) vacinou ao longo da xornada do sábado un total de 24.104 persoas que se achegaron até os puntos de vacinación masiva dispoñíbeis. De todas elas, 17.675 recibiron dose de Pfizer-BioNTech e os 6.429 restantes, de AstraZeneca.

Segundo datos ofrecidos pola Consellería de Sanidade, para este sábado estaban citadas para recibir a vacina de Pfizer 19.258 persoas de entre 75 e 79 anos. Deste modo, ao acudir 17.675, a participación foi de 91,78%. A esta cifra habería que sumar as persoas que non acudiron á súa cita esta semana e ás que contactou de novo para recibir a dose esta fin de semana, un número que non foi facilitado pola Consellería.

Por tanto, a porcentaxe de vacinados sobre os citados, sen ter en conta os 'repescados', supón un incremento con respecto ao 88,51% de concorrencia que conseguiu a vacinación nesta mesma franxa de idade durante a xornada da sexta feira, na que recibiron dose 29.145 galegos dun total de 32.930 convocados.

En canto á vacinación con AstraZeneca, o sábado recibiron o medicamento 6.429 persoas. Con todo, descoñécese por agora a porcentaxe de participación, xa que Sanidade tan só informa de que estaban citadas polo Sergas 5.645 persoas, pero a estas habería que sumarlles as 'repescadas'.