A pobreza cébase coas mulleres e as crianzas: 57% das familias monoparentais están en risco de pobreza ou exclusión social

David Silva, Ana Pardo e Dolores Fernández, esta quinta feira. (Foto: Europa Press)
Ter un traballo xa non é suficiente para saír da exclusión social e da pobreza.

Perto de 690.000 persoas residentes na Galiza, o 25,5% da poboación, están en risco de pobreza e exclusión social, 50.000 persoas máis que o ano anterior, unha situación que afecta en maior medida as mulleres e as crianzas e que alcanza o 52,7% dos fogares monoparentais do país.

Así o reflicte o último informe sobre o Estado da Pobreza na Galiza, elaborado por EAPN Galiza e presentado esta quinta feira na sede da Valedora do Pobo. O texto baséase nos últimos datos completos, de 2023, un ano no que os indicadores de pobreza, risco de pobreza e exclusión social volveron medrar no territorio galego.

Destaca neste informe a caracterización do risco de pobreza. Así, David Silva, director de EAPN Galiza, sinalou que se incrementan os índices de pobreza e de carencia material, pero non así o indicador de baixo nivel de emprego. Con isto, apunta, ponse de manifesto que "non basta un traballo para saír da pobreza".

"Ante o discurso político de que 'A mellor política social é o emprego', nós dicimos que depende", dixo Silva, xa que un terzo das persoas en situación de pobreza "teñen traballo, pero aínda traballando, os seus ingresos non lles permiten saír" desta situación. "Non chega o emprego, ten que ser de calidade e digno", afirmou.

Feminización da pobreza

Por outra parte, os indicadores de pobreza e exclusión social son maiores nas familias monoparentais, que están lideradas nun 80% por mulleres. Isto, unido aos casos de mulleres pensionistas, leva a unha forte "feminización da pobreza", que tamén afecta en maior medida ás menores. Así, no caso das mulleres, o risco de pobreza e exclusión social medra do 25 ao 27,4%, a cifra máxima dos últimos 10 anos, mentres que nos homes sitúase no 23,5%.

52,7% das familias cun só proxenitor e crianzas está en risco de pobreza, co que na Galiza medra tamén a pobreza infantil e dos fogares con menores: o 27,1% deles está en risco de pobreza e exclusión social, fronte ao 24,3% dos que non teñen.

Privación material e pensións

En canto ás pensións, os responsábeis de EAPN lembraron que, na Galiza, o 48% de recibe unha pensión "por baixo do limiar da pobreza". Con todo, estas achegas están a ser claves nun contexto de fraxilidade das economías familiares. En concreto, as pensións que se reciben na Galiza reducen un 8,8% a pobreza nos menores de 65 anos. Noutras palabras, hai 175.000 persoas que non caen na pobreza grazas á achega das pensións.

En canto á privación material e social severa, o informe sitúaa na Galiza no 8,2% da poboación, a maior de toda a serie histórica, o que se traduce en case 230.000 persoas. Con todo, destacaron desde a Rede, máis da metade das persoas en carencia material e social severa "non son pobres". "É dicir, na Galiza hai 122.000 persoas que, non estando en situación de pobreza, viron aumentada a súa vulnerabilidade", destacou a presidenta de EAPN Galiza, Ana Pardo.

Entre os indicadores que están presentes neste ítem están o non poder irse de vacacións fóra da casa polo menos unha vez ao ano —o 38,2% dos fogares galegos—, non ter capacidade para afrontar gastos imprevistos —o 29,2%—, non poder substituír móbeis deteriorados ou vellos —o 27,7%—, ou non poder manter a súa vivenda a unha temperatura adecuada no inverno —algo que afecta o 21,6% dos fogares e que experimentou un repunte o último ano—.

Pobreza e pobreza severa

A taxa de pobreza na Galiza aumentou entre os dous últimos informes de EAPN, pasando do 18% dos fogares ao 19,4%, co que afecta a máis de medio millón de persoas no país. Con todo, como tendencia positiva, a taxa de pobreza severa mantense estábel e afecta a unhas 189.000 persoas.

Neste efecto, de incremento de persoas en risco de pobreza ou taxa de pobreza pero non de pobreza severa, tiveron impacto cuestións como o Ingreso Mínimo Vital, o mantemento da Risga ou a alza das pensións, destacou David Silva. De feito, o informe de EAPN apunta que, sen axudas públicas —de Estado, Xunta ou concellos—, a situación de pobreza na Galiza chegaría case á metade dos fogares, concretamente ao 46,6%. Esta cifra implicaría que estarían en situación de pobreza 735.000 galegos e galegas máis, até 1.258.000.

Con todo, desde a entidade apuntan a que este ano "as transferencias públicas reducen menos a pobreza que o ano anterior" e que no últimos tres anos "o impacto das medidas estatais, autonómicas e locais reduciuse practicamente á metade".

Para concluír, o informe sinala que "a emerxencia da vivenda continúa". O 22% das persoas en pobreza dedican máis do 40% da súa renda a gastos de vivenda e os fogares con atrasos nos pagos incrementáronse lixeiramente.