O río Verdugo desborda en Ponte Caldelas obrigando a cortar o acceso á contorna do leito fluvial

Desbordamento do río Verdugo en Ponte Caldelas, esta segunda feira 26 de xaneiro. (Foto: Alcaldía de Ponte Caldelas)
A situación, que obrigou as brigadas municipais a colocar valados para impedir o paso a zonas da beira do río Verdugo, deuse a pesar de que o concello da comarca de Pontevedra non se atopa en situación de alerta vermella, algo que suscitou críticas entre a veciñanza.

O alcalde de Ponte Caldelas (comarca de Pontevedra), Andrés Díaz (PSdeG), informou esta segunda feira do desbordamento do río Verdugo ao paso polo municipio, o que obrigou o Goberno municipal a cortar o acceso da cidadanía ás inmediacións do leito fluvial para evitar situacións de risco para os veciños e veciñas.

"Aviso importante. Cortados os accesos á Calzada e á zona detrás da praza por desbordamento. Suspendidas as actividades deportivas no pavillón e no campo de fútbol até novo aviso. Grazas pola colaboración", subliña o rexedor de Ponte Caldelas nunha comunicación realizada a través das redes sociais.

A situación, que obrigou as brigadas municipais a colocar valados para impedir o paso a zonas da beira do río Verdugo, deuse a pesar de que o concello da comarca de Pontevedra non se atopa en situación de alerta vermella, algo que suscitou críticas entre a veciñanza pola alta afectación que as choivas teñen historicamente nesta contorna pola súa inundabilidade.

"Non entendo, Ponte Caldelas con inundacións, Mondariz e Balneario tamén, Ponteareas igual... Pero a alerta vermella e para outros concellos.... E os que, por desgracia, habitualmente sofren os desbordamentos nada", manifestaba unha veciña expresando un sentimento de incredulidade pola non inclusión de varias localidades azoutadas polos efectos das choivas nesta alarma meteorolóxica preventiva.