Material sanitario de un só uso reutilizado até dez veces: as denuncias sobre prácticas de lucro que implican Ribera Salud
O escándalo pola xestión do Hospital Universitario de Torrejón de Ardoz, en Madrid, operado pola empresa privada Ribera Salud, continúa medrando tras revelarse que persoal sanitario recibiu instrucións para esterilizar e reutilizar catéteres de un único uso, unha práctica prohibida pola normativa europea e estatal cando non se realiza a través de empresas especializadas. A compañía, con todo, nega que isto chegase a executarse.
A documentación á que tivo acceso El País confirma que estas directrices foron denunciadas na canle ética interna por varios membros da dirección asistencial do grupo, posteriormente despedidos. Nesas comunicacións advertíase expresamente: "Esta acción non é legal". O reprocesado de catéteres só pode facelo unha empresa externa acreditada, e nunca dentro do propio hospital.
As denuncias producíronse poucos días despois de que saíran á luz os audios do conselleiro delegado de Ribera Salud, Pablo Gallart, ordenando incrementar beneficios mediante a redución da actividade "non rendíbel" e mesmo aumentando listas de agarda, co obxectivo de lograr un ebitda (Earnings Before Interest, Taxes, Depreciation and Amortization, que en galego tradúcese como Beneficio antes de Intereses, Impostos, Depreciacións e Amortizacións) de "catro ou cinco millóns".
Reutilización até dez veces
A orde trasladada ao persoal indicaba que os catéteres ―de máis de 2.000 euros e cruciais en cardioloxía intervencionista― poderían reutilizarse até dez veces, sempre que o dispositivo estivese "en bo estado". A normativa vixente (Regulamento europeo 2017/745 e RD 192/2023) só permite esta práctica se un reprocesador autorizado certifica o proceso e aplica probas de seguridade e esterilidade, algo inviábel dentro dun hospital.
Entre quen denunciou as instrucións figura o director médico de Ribera Salud, que nun correo de despedida asegurou non poder "ceder á ameaza" nin asumir prácticas que consideraba perigosas para a saúde dos pacientes. A empresa nega vinculación algunha entre estes despidos e as denuncias.
Investigación do Ministerio de Sanidade
Tras a publicación das informacións, o Ministerio de Sanidade abriu unha investigación para determinar se o hospital de Torrejón incorreu en irregularidades sanitarias ou contractuais. Ribera Salud anunciou unha auditoría interna e Gallart apartouse temporalmente da xestión do centro, aínda que continúa no seu posto no grupo.
Algunhas das instrucións reveladas polo conselleiro delegado ―como seleccionar pacientes e evitar procesos custosos de persoas que non pertencen á área asignada― poderían incumprir a concesión pola que o grupo opera o hospital público.
Un modelo privatizado orientado ao beneficio
O hospital de Torrejón segue o modelo ideado por Ribera Salud na década de 1990: a empresa constrúe o centro e xestiónao durante 30 anos a cambio dun canon fixo anual. Canto menos gasta, máis gaña, ao non ser retribuída por actividade prestada, senón por poboación asignada.
Na Galiza, Ribera Salud opera tres centros, entre eles un dos maiores hospitais privados concertados do Estado, o Hospital Ribera Povisa de Vigo, cunha poboación asignada de 113.000 persoas de toda a área sanitaria. O Sergas e Povisa asinaron en abril, despois de tres prórrogas vencidas, un contrato de servizos por importe de 195 millóns de euros e por un período de vixencia de dous anos.
Precisamente, a raíz das informacións que transcenderon sobre o funcionamento do Hospital de Torrejón, o BNG urxiu esta quinta feira unha "investigación a fondo" en Povisa para verificar que Ribera Salud manipulou as listas de agarda. A formación nacionalista demandou unha "resposta enérxica" da Xunta da Galiza diante do "escándalo" revelado no hospital madrileño.
Tamén con concerto estábel coa Xunta da Galiza, o Hospital Ribera Juan Cardona, que realiza cirurxías, probas diagnósticas e atención a mutuas e aseguradoras derivadas do Sergas. En Lugo, e de carácter privado, o grupo conta co Hospital Ribera Polusa.