“A Ribeira Sacra arde mentres a Xunta vende fume”: Asociacións da zona exixen un referendo sobre a candidatura a Patrimonio da Humanidade

Incendio en Vilardevós. (Foto: Federación de Asociacións da Ribeira Sacra)
A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra afirma que “é intolerábel que, nestas condicións, o Goberno galego siga a impulsar con pompa e propaganda a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade". 

A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra manifesta a través dun comunicado “a súa fonda indignación” ante a vaga de incendios que, “unha vez máis, devasta o noso territorio e perante a cal non podemos gardar silencio cando falamos dunha extensión carbonizada sen parangón no territorio galego”.

Os lumes están a golpear con especial dureza o xeodestino Ribeira Sacra, afirman, e, en particular, o Macizo Central e a Serra de Queixa. “Estas chamas non son só lume: son o reflexo do abandono institucional crónico e do desleixo da Xunta cara ás nosas xentes, aldeas e paisaxes”.

“É pura hipocrisía falar de patrimonio, mentres se deixan arder montes, mentres se despoboan parroquias e mentres a economía rural agoniza”.

O abandono non só se mide en hectáreas queimadas, prosegue o comunicado. “A poucos días do inicio da vendima, a crise do sector vitivinícola da Ribeira Sacra continúa sen resolución algunha. A Xunta, lonxe de actuar con responsabilidade, segue sen elaborar o necesario estudo de custos de produción que evite vendas a perdas e protexa o traballo dos viticultores”.

“O abandono non se mide apenas en animais mortos no monte ou sen pastos e forraxe para o vindeiro ano. Mídese tamén nos proxectos extractivistas e de espolio do territorio que impulsa a Xunta e promove en nome dun suposto “interese público” ou mídese nos cada vez máis cativos servizos públicos, a comezar polos recortes na sanidade e no ensino”.

Por todo isto, afirman estas asociacións que “a propaganda institucional debe dar paso á palabra das xentes que habitan a Ribeira Sacra. Propoñemos que se convoque un referendo en todos os concellos da marca territorial para decidir se queremos realmente esta candidatura, que hoxe se nos presenta como unha postal turística baleira, ou se preferimos empregar ese mesmo referendo para dar unha labazada cívica ao abandono institucional e ao desastre de xestión da Xunta e de moitos concellos”.