A Revolta das Mulleres na Igrexa mobilízase para reclamar "a igualdade que se lles nega"

Cartel exhibido durante a manifestación do 8-M convocada por Feminismo Unitario de Vigo en marzo de 2023. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

Santiago de Compostela e Vigo acollerán concentracións promovidas pola Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria.

No quinto aniversario do movemento e no marco das celebracións do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, e das súas reivindicacións feministas, as trinta agrupacións da Revolta das Mulleres na Igrexa-Alcem la Veu do Estado español saen á rúa para reclamar “a igualdade que se lles nega na Igrexa”.

O acto central na Galiza terá lugar en dúas cidades: en Santiago de Compostela, na praza da Quintana, e no barrio de Coia en Vigo, diante da igrexa do Cristo da Vitoria. 

Este acto está promovido pola Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria e consistirá nunha celebración que representará unha alegoría sobre a mesa compartida, “esa mesa á que Xesús de Nazaret convidou a todo o mundo a participar”, onde sumarán os seus berros “aos de moitas mulleres do mundo e da Igrexa”.

As reivindicacións feministas da Revolta das Mulleres na Igrexa-Alcem la Veu terán lugar nos 30 territorios onde xa están presentes as diversas Revoltas. O pasado domingo, 2 de marzo, realizáronse actos reivindicativos en Barcelona, Donosti, As Palmas de Gran Canaria, Murcia e Zaragoza.

Baixo o lema “Crentes e feministas por unha Igrexa en igualdade”, o próximo domingo, 9 de marzo, secundarán os actos o resto das cidades, entre as que están Santiago de Compostela e Vigo.