Rebenta a comporta central do encoro de Valencia de Sil, xestionado por Iberdrola

Encoro de Valencia de Sil, no concello de Vilamartín de Valdeorras. (Foto: Ecoloxistas en Acción)
A auga expulsada foi absorvida polo encoro de San Martiño, no concello da Rúa.

A comporta central do encoro de Valencia de Sil, situado no concello de Vilamartín de Valdeorras, deu de si esta terza feira e saíu despedida, liberando toda a auga que contiña.

O suceso ocorreu pasadas ás 21.30 horas da terza feira, cando a comporta do encoro rebentou, sen que se coñezan aínda as causas do ocorrido, segundo detallou o alcalde do termo municipal, Enrique Álvarez Barreiro, a medios locais.

O encoro, baixo a xestión da compañía Iberdrola, é de tipo C, é dicir, a súa capacidade non supera os 12 hectómetros cúbicos. Asemade, esta catalogación supón que Valencia de Sil non conte cun plan de emerxencia específico ante este tipo de casos.

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que se encargará de investigar as causas do ocorrido, informou que o encoro quedou baleiro, e que o excedente de auga xa foi absorbido polo seguinte encoro, o de San Martiño, no concello da Rúa.

Exixen unha investigación

Após coñecerse a noticia do incidente, comezaron a producirse as primeiras reaccións de representantes políticos e colectivos ecoloxistas.

A deputada polo BNG no Parlamento galego María González Albert cualificou o ocorrido como "gravísimo", algo co que concordou a súa compañeira na cámara galega Noa Presas. A deputada nacionalista afirmou que "haberá que investigar as causas dun feito que podería ter tido consecuencias demoledoras".

Presas, pola súa parte, afirmou que o BNG exixirá responsabilidades "á compañía e ao Goberno central, xa que a bacía é o Miño-Sil", de competencia estatal. Por último, preguntouse "que podería pasar con máis caudal ou cunha presa máis grande".

Pola súa parte, a delegación de Ecoloxistas en Acción por Ourense lamentou que se trata dun "desastre ecolóxico sen precedentes". O colectivo denuncia que o baleirado do encoro "por unha comporta que xa non aguntou máis" deixou toda a fauna da contorna "a mercé da gran seca".