Retencións na entrada de Portugal pola A-55 en Tui, no primeiro día laborábel do novo peche de fronteiras

Imaxe das cámaras da DGT

O novo peche da maioría de pasos fronteirizos entre Portugal e Galiza concentrou o tráfico de acceso a territorio luso nos dous únicos pasos habilitados na provincia de Pontevedra (Tui pola autovía A-55 e Salvaterra) e no único en Ourense (Verín). No caso de Tui, a Dirección Xeral de Tráfico confirmou que se están producindo retencións desde primeira hora da mañá desta segunda feira.

Así, Tráfico informou de dous quilómetros de retencións na A-55, entre o quilómetro 29 e 31 da vía, en dirección á localidade de Valença. A apertura deste paso fronteirizo está autorizada 24 horas os 7 días da semana, aínda que só permítese cruzalo por causas xustificadas (entre elas, para os traballadores transfronteirizos).

A entrada a Portugal pola ponte que une Salvaterra e Monçao permanecerá aberta só de segunda a sexta feira, de 8:00 a 10:00 horas e de 19:00 a 21:00 horas. Nese caso, a alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, que expresou o seu desacordo co horario restrinxido de apertura da ponte, confirmou que non se produciron incidentes nin retencións, e que foron moi poucos os vehículos que "tiveron que dar a volta" por non cumpriren os requisitos para poder cruzar a Monçao.

Do mesmo modo, no outro paso fronteirizo aberto 24 horas e 7 días entre Galiza e Portugal, o de Verín-Chaves, o tráfico permitido está a circular con normalidade, segundo fontes da Garda Civil.

O Agrupamento Europeo de Cooperación Transfronteiriza AECT Río Miño considera que a decisión dos Gobernos español e portugués supón un “novo agravio”. Consideran que se volve repetir a problemática do pasado confinamento, polo que solicitan que os pasos de Tomiño-Vila Nova de Cerveira e Arbo-Melgaço tamén estean operativos.