A restrición de materias ameaza a calidade educativa nos centros de ensino do rural

Materias como Latín, Francés, Historia da Arte ou Debuxo Técnico, en risco en varios IES do rural galego (Foto: Europa Press).
O sindicato CIG-Ensino denuncia que Educación impide que se impartan materias na ESO e Bacharelato con menos de cinco alumnos e alumnas, aínda existindo docentes con dispoñibilidade horaria.

Após censurar o recorte de centros, aulas e profesorado nos niveis de Infantil e Primaria, a CIG-Ensino recolle a queixa de numerosas familias do rural galego para denunciar a negativa da Xunta a impartir distintas materias de ESO e Bacharelato cando o alumnado matriculado é inferior a cinco.

Segundo explica nun comunicado, as instrucións para o desenvolvemento do curso escolar, que empeza esta cuarta feira en Secundaria, son as mesmas de cursos anteriores.

No caso das materias troncais de Bacharelato, explica, o número mínimo será, "con carácter xeral", de cinco estudantes, con independencia de que se trate de centros urbanos ou rurais. Cando esas materias se cursan dentro do bloque das materias específicas, esa limitación de cinco alumnas e alumnos estabelécese con carácter fixo no medio rural, e elévase a dez no ámbito urbano. 

Porén, matiza o sindicato, "a Consellaría viña permitindo en determinados casos que, se existía profesorado no centro con dispoñibilidade horaria, se puidesen ofertar esas materias".

Fin das excepcións

Mais neste curso, "a Inspección educativa está comunicando aos IES de zonas rurais que non se van facer excepcións". "Isto provoca unha clara discriminación para o alumnado que se ve obrigado a coller outras materias nas que non ten interese ou a se matricular das da súa modalidade a distancia". 

A CIG-Ensino chama a atención sobre a escolla que afecta a alumnado de 2º de Bacharelato. "Hai materias que queren cursar porque ponderan para determinados graos universitarios” aos que buscan acceder.

Segundo as primeiras indagacións do sindicato, Latín sería unha das materias máis afectadas, mais tamén Debuxo Técnico, Física, Historia da Arte, Grego ou Francés de 2º de Bacharelato.

"En todos os casos falamos de catro alumnos matriculados en diferentes centros de Melide, Chantada, Cangas, A Estrada ou Becerreá", afectados polo cambio de criterio da Consellaría, subliñan.

Urxe rectificar

As limitacións chegarían a afectar tamén a centros urbanos da Coruña e Lugo, "o que provoca ver cada vez máis reducida a demanda de determinadas especialidades".

A CIG-Ensino demanda da Consellaría que rectifique e autorice aos institutos do rural "cursar as materias troncais con independencia do número de alumnado matriculado e do profesorado do centro" atendendo todas as necesidades e demandas das estudantes.

Mais tamén "cursar as materias específicas con menos de cinco alumnos e alumnas se hai profesorado suficiente no centro" e recorrer ao ensino a distancia "só se é solicitado voluntariamente polo alumnado afectado".

Evitar a discriminación

Pide ademais pór a disposición do alumnado todos os medios necesarios para garantir unha boa conexión sen cargas para as familias.

No caso dos centros urbanos, o sindicato considera que se deben permitir certas excepcións "sempre que sexa posíbel e o IES o demande e o xustifique". Trataríase de garantir a oferta de determinadas materias en 2º de Bacharelato aínda con alumnado reducido  para evitar a súa "discriminación" de cara á ABAU.