Os restos óseos atopados en Vilariño de Conso durante a extinción dun incendio poderían ser dun veciño de Taboadela desaparecido en maio

Integrantes da BRIF-Laza traballando na extinción dun incendio en Carballeda de Valdeorras. (Foto: @Briflaza)

A desaparición de Juan Mas produciuse entre o 5 e o 6 de maio, cando saíu da súa casa en Pereiras. A súa familia presentou denuncia na Garda Civil de Allariz ao non regresar.

Un helicóptero da Brigada de Reforzo de Incendios Forestais (BRIF) de Laza localizou esta segunda feira uns restos óseos xunto a un vehículo mentres traballaban na extinción dun incendio en Vilariño de Conso (comarca de Viana).

Segundo confirmaron a fontes próximas ao caso, os restos achados no monte do municipio estaban próximos ao vehículo que coincide co dun veciño de Taboadela (comarca de Ourense) desaparecido hai algúns meses.

Segundo indican desde o Concello taboadelense nun comunicado compartido nas súas redes sociais, o coche, un Toyota Avensis negro, coincide co que conducía o home no momento da súa desaparición. A matrícula, din, confirmou a identidade do vehículo, localizado nunha ladeira de forte pendente e de moi difícil acceso, aínda que sen aparentes danos no capó nin sinais de envorco.

Os restos óseos foron trasladados para a súa análise e posterior identificación por parte dos forenses.

Desaparecido en maio

A desaparición de Juan Mas produciuse entre o 5 e o 6 de maio, cando saíu da súa casa en Pereiras vestido con pantalón e camisa marróns e zapatos negros. A súa familia presentou denuncia na Garda Civil de Allariz (Allariz-Maceda) ao non regresar.

O achado da BRIF-Laza, case catro meses despois, "esperta múltiples incógnitas sobre como puido chegar o vehículo a un lugar tan afastado, ao que o acceso máis próximo é un cortalumes do parque do Invernadoiro e onde, ademais, non chegou a afectar o lume recente", explican desde o Concello de Taboadela.