A residencia de atención á discapacidade Ricardo Baro abeira os 40 contaxios por coronavirus

Instalacións de DomusVi en Outeiro de Rei. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A Consellaría de Política Social da conta dunha nova persoa do cadro de persoal afectada pola enfermidade. A cifra de doentes nos xeriátricos increméntase un pouco a pesar do falecemento de dous residentes na DomusVi de Outeiro de Rei e a curación de varias traballadoras na Galiza.

A evolución do coronavirus nas instalacións da residencia de atención á discapacidade Ricardo Baro de Aspronaga, situada no concello de Oleiros, está lonxe de quedar controlada. Malia que esta afección está quedando oculta polos focos nos xeriátricos, o certo é que é igualmente importante.

Nas últimas 24 horas, sempre atendendo ao parte facilitado pola Consellaría de Política Social, o número de usuarias e usuarios afectados está xa en 27. Ademais, hai 9 empregadas que deron positivo, polo que o gromo é importante. Ten 36 afectadas no centro, que son máis que o cómputo global na residencia de maiores Orpea, non moi lonxe de alí, con 28 casos activos.

En outras instalacións para persoas con capacidades diferentes non hai doentes entre as e os beneficiarios pero si nos cadros de persoal. En total son 13, 8 no espazo de Aspronaga, un en A Braña (A Estrada), un en Juan Vidán Torres (Compostela), un en Castro de Rei e o último no CAPD de Chapela (Redondela).

Pequenas oscilacións

No que se circunscribe únicamente aos xeriátricos, deuse un lixeiro ascenso entre a noite desta terza feira e onte. Houbo seis novos contaxios na DomusVi Lugo, en Outeiro de Rei, sendo tres de operarias e tres de usuarias.

Polo tanto, os casos activos son 229 após o falecemento de outros dous residentes no mesmo centro, un no hospital de Lugo e outro nas propias instalacións.

Así, os principais focos da Covid-19 seguen a ser Outeiro de Rei (138 usuarias e usuarios), o Incio (58), Culleredo (26), DomusVi Lalín (5). Na residencia de Arteixo hai un positivo e en Castro Ribeiras do Lea outro.

Ao falar das e dos traballadores, a enfermidade está máis repartida por todo o país. Hai 88 empregadas que padecen o virus: 37 no Incio, 21 na DomusVi Lugo, 3 na DomusVi de Lalín, 2 na Volta do Castro (Compostela), 2 na Victoria (Teo), 2 en Nosa señora do Socorro (Arnoia) e outras dúas na Doral de Mos.

A estas afectadas hai que engardirlle un contaxio en cada un destes xeriátricos: Ballesol de Oleiros; Orpea Culleredo (após comunicarse a curación de tres); residencia de Oleiros; DomusVi Oleiros; DomusVi Noia; Porta do Camiño (Compostela); San Simón de Teo; DomusVi Monforte; Fogar Residencial Vilar de Barrio; Saraiva Sénior de Pontevedra; residencia de Campolongo; San Bartolemeu de Xove; A Saleta de Cea; Santiago Apóstolo de Vilamarín; DomusVi Barra de Miño (Coles), CRAPD II de Vigo e Alvi-Beade, tamén en Vigo.