A residencia de Aspronaga en Oleiros suma outros 11 positivos

Vista aérea do complexo Ricardo Baro. (Foto: Aspronaga)
O centro de atención á discapacidade Ricardo Baro xa ten 47 doentes, a maioría delas usuarias, mais tamén un número elevado de traballadoras. No que se refire aos xeriátricos, a Consellaría de Política Social informa de 226 casos positivos entre as persoas residentes e 88 dos cadros de persoal.

A Consellaría de Política Social vén de informar das últimas cifras de casos activos da Covid-19 na rede de residencias de maiores e nalgunhas instalacións de atención a persoas con capacidades diferentes do país. A peor evolución á alza estase a vivir na Ricardo Baro, unha infraestrutura xestionada pola Asociación de Pro Personas con Discapacidad Intelectual de Galicia (Aspronaga), en Oleiros.

Nas últimas 24 horas tívose noticia de 10 novos contaxios entre xente beneficiaria desta instalación, así como dunha traballadora máis. Atendendo a este novo rexistro, hay un total de 47 persoas afectadas (10 delas pertencentes ao cadro de persoal).

Por outra parte, segue habendo unha enferma entre as e os operarios en cada un destes centros de atención á discapacidade: A Braña (A Estrada), Castro de Rei, Juan Vidán Torres (Compostela) e Chapela (Redondela).

Até 88 empregadas

No caso concreto dos xeriátricos, a Consellaría de Política Social indicou que hai novas persoas afectadas: 2 empregadas da DomusVi Lugo (Outeiro de Rei), unha en Ballesol (Oleiros), unha no CRAPD I Vigo e unha quinta en San Simón (Teo).

Fontes da Xunta indicaron que se retiraron do cómputo global, por dar negativo nas últimas probas de control practicadas, dúas operarias do Incio. Tamén foron baixa unha persoa do cadro de persoal de cada unha destas residencias: DomusVi Coruña (Oleiros), DomusVi Monforte e Saraiva Sénior (Pontevedra).

Deste xeito quedan 88 casos activos entre as e os traballadores. A maioría teñen o seu posto no Incio (35); Outeiro de Rei (23); DomusVi Lalín (3), Ballesol en Oleiros (2); Volta do Castro, situada en Compostela (2); Nosa Señora do Socorro de Arnoia (2); San Simón (2) e Victoria (2), ambas no municipio de Teo; CRAPD Vigo I (2); e Doral, no concello de Mos (2).

O resto repártense entre outros 13 centros residenciais repartidos por toda Galiza.

226 maiores

O número de residentes que padecen a Covid-19 segue nos 226, malia que deron negativo tres da DomusVi de Lalín.

Hai 138 afectadas no centro residencial de Outeiro de Rei; 58 no Incio; 26 na Orpea de Culleredo, 2 na DomusVi Lalín e unha quer no xeriátrico de Arteixo, quer no de Castro Ribeiras do Lea.