Denúnciao a CIG

A dirección dunha residencia ameaza con descontos salariais o persoal que non teña a PCR

Imaxe de arquivo da residencia implicada (Foto: Google)
O centro de maiores, dependente da Consellaría de Política Social e situado no concello de Barbadás, advertiu de que sen o resultado da proba as e os traballadores non se poden incorporar. Os días de falta ao seu posto laboral descontaríanse dos seus salarios malia que os retrasos están na Atención Primaria. Denúnciao a CIG.

Unha representación sindical do persoal da residencia Nosa Señora dos Milagres, situada na localidade de Cabeza de Vaca, no municipio de Barbadás denunciou ante a Inspección de Traballo a súa situación polas presións para facerse as probas PCR da Covid-19.

As e os empregados non se negan a someterse ao exame, mais segundo declararon a dirección do centro obrigalles a ter os resultados antes de incorporarse aos seus postos.

Todo entraría dentro dunha certa lóxica e dun protocolo de seguridade de non ser porque até que obteñan o negativo “non se poderá acudir ao posto laboral e iso correrá ao cargo da ou do traballador”.

Así o denunciaron hoxe desde a CIG, mentres que a Consellería de Política Social -da que depende a infraestructura- asegurou que ía pedir a “retirada de inmediato” desta advertencia.

A central sindical explicou que o conflito débese a que a xente empregada “dos centros residenciais ten que realizar unha PCR 72 horas antes de reincorporarse” ao seu lugar de traballo.

Como puido saber polo cadro de persoal, “a dirección da residencia colgou no taboleiro unha nota que dicía, textualmente, no caso de non dispor do resultado mesa data, os días non traballados correrán a cargo da ou do traballador”.  

Os retrasos que poidan darse non dependen do persoal, pois este está a “ter problemas para que os centros de saúde” fagan estas probas após das vacacións, unha baixa ou un permiso. O mesmo ocorre para os novos contratos, malia que se vaia con tempo a Atención Primaria.

"Esta ameaza de desconto salarial por non ter a PCR deixa en desamparo as traballadoras das residencias, que si queren facerse as probas”, destacou a CIG nun comunicado interno que tivo trascendencia nesta cuarta feira.