As reservas de sangue, baixo mínimos, obrigan a adiar 20 cirurxías nun día: así podes doar

Unidade móbil para a doazón de sangue. (Foto: ADOS)
ADOS urxe doazóns á cidadanía galega, en especial dos grupos sanguíneos 0 positivo e A positivo.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) fai un chamamento xeneralizado á participación de toda a cidadanía galega na doazón de sangue e, de forma especial, ás persoas doantes dos grupos 0 positivo e A positivo.

Segundo vén de informar a Xunta, debido ás baixas reservas dos grupos 0+ e A+, só esta terza feira reprogramáronse nos hospitais do país unha vintena de intervencións cirúrxicas non urxentes en pacientes que pertencen a estes grupos. Así, as e os afectados serán citados de novo "tan cedo como sexa posíbel".

A demanda de compoñentes sanguíneos e a coincidencia de días festivos na mesma semana provocaron unha diminución nas reservas de sangue. Ante isto, a Xunta fai un chamamento á doazón de todos os grupos sanguíneos.

Por outra parte, o Executivo galego detallou que as dez unidades móbiles da ADOS visitarán nestes días os diferentes concellos da Galiza para conseguir as doazóns necesarias que garantan o desenvolvemento do labor asistencial nos centros sanitarios.

Puntos de doazón

Esta cuarta feira estarán en: Escola de Especialidades Antonio de Escaño (Ferrol); Pontedeume; Toyota Breogán (Perillo-Oleiros); Obelisco (A Coruña); Corcubión; Jealsa (Boiro); Praza Roxa (Santiago); Ferraría (Pontevedra); AKWEL e Travesía (Vigo); Bº Augas Férreas (Lugo); Xove; Trasmiras; Santa Baia; Cualedro e Xironda (Cualedro).

No que respecta á quinta feira, as unidades móbiles estarán en: Escola Antonio de Escaño (Ferrol); Cedeira; Acuartelamento de Atocha (A Coruña); Camelle e Ponte do Porto (Camariñas); Cerceda; Jealsa (Boiro); Cacheiras (Teo); Vilagarcía; Ponteareas; Goián (Tomiño); Chantada; CIE Galfor (San Cibrao das Viñas) e en Piñor Arenteiro.

Aliás, estas unidades desprazaranse na sexta feira a: Barrio Inferniño (Ferrol); Novo Mesoiro (A Coruña); O Burgo (Culleredo); Boiro; Lestedo (Boqueixón); Vilagarcía; García Barbón (Vigo); Cangas do Morrazo; Praza Maior (Lugo); Foz e Xinzo de Limia.

Finalmente, o sábado estarán en: Neda; Fonteculler (Culleredo); Boiro; Vilagarcía; Cangas do Morrazo e Monterroso. E a Administración galega lembra que é posíbel tamén doar no Hospital Clínico Universitario de Santiago; Hospital Universitario da Coruña; Hospital Arquitecto Macide de Ferrol; Hospital Lucus Augusti de Lugo; Hospital Universitario de Ourense; Hospital Provincial de Pontevedra e Hospital Nicolás Peña de Vigo.