Repuntan os novos contaxios e os pacientes Covid hospitalizados aumentan a 202

Persoas con máscara pola rúa Imaxe M.Dylan Europa Press

Os casos activos volven subir e superan os 2.810.

En só unha semana pasamos de 26 a 40 persoas en coidados intensivos.

Os novos contaxios de Covid-19 subiron na Galiza a 188, o que supón 57 máis que a xornada anterior, e os pacientes ingresados por este coronavirus superan a barreira dos 200 e ascenden a 202 -catro máis- nunha xornada na que volveron ascender os casos activos a 2.811, despois de reducirse lixeiramente a terza feira após once días consecutivos en ascenso.

Así se desprende dos datos actualizados na mañá desta cuarta feira pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18:00 horas desta etrza feira, recollidos por Europa Press, nos que constan 40 pacientes Covid ingresados en UCI -tres máis- e 162 noutras unidades -un máis-.

A presión hospitalaria aumenta nas áreas de Ourense e Pontevedra-O Salnés, mentres que diminúe nas da Coruña-Cee e Lugo; e mantense nas de Vigo, Ferrol e Santiago-Barbanza.

En canto aos casos activos, tras o lixeiro descenso rexistrado esta terrza feira pasada despois de once xornadas consecutivas de incremento paulatino volveron subir e sitúanse en 2.811, o que supón 48 máis, ao haber máis contaxios (188) que altas (139).

Por áreas sanitarias, as infeccións activas soben en cinco de sete: Vigo (+26), Pontevedra e O Salnés (+12), Ourense (+10), Santiago e Barbanza (+6) e Lugo (+4), mentres que baixan nas da Coruña e Cee (-8) e Ferrol (-2).

Ademais, os novos contaxios detectados con calquera tipo de proba volveron repuntar até os 188 -o que supón 57 máis que o día anterior-, tras caer a 131 esta terza feira despois de iniciar esta semana con 154.

Galiza confirmou 179 positivos -74 máis que a xornada pasada- con probas PCR nas últimas 24 horas, dos que 68 corresponden á área de Vigo; 30, á da Coruña e Cee; 23, á de Ourense; 22, á de Santiago e Barbanza; 17, á de Pontevedra e O Salnés; 16, á de Lugo; e tres, á de Ferrol.

Mentres, a taxa de positividade ascendeu a un 2,3% mais mantense por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

Desde o inicio da pandemia morreron 2.376 persoas diagnosticadas de Covid-19, despois de notificar Sanidade esta terza a morte dunha máis.