Repuntan a 85 os novos contaxios de Covid e soben a 1.274 os casos activos, mentres os ingresados caen a 50

A taxa de positividade continúa por baixo de 2%.

Os novos contaxios de Covid-19 repuntaron a 85 na segunda xornada do verán e os casos activos ascenderon a 1.274 tras varios días en descenso, mentres que a presión hospitalaria reduciuse ao caer a 50 os pacientes hospitalizados no conxunto da Galiza por este coronavirus, que supoñen nove menos.

Segundo os datos publicados na mañá desta terza feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta segunda feira, os pacientes Covid ingresados en UCI descenden a 15 -un menos- e os que permanecen noutras unidades baixan a 35 -oito menos-.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende en seis das sete e unicamente sobe lixeiramente na de Lugo, que segue cun paciente Covid en UCI e conta con catro noutras unidades -un máis-.

En canto aos casos activos de Covid freouse a tendencia descendente após catro xornadas consecutivas e aumentan a 1.274, que supoñen 24 máis que a xornada anterior, ao haber menos altas (+61) que contaxios (+85). Con todo, mantéñense en niveis de finais da primeira quincena de agosto do ano pasado.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas descenden nas de Vigo (-6), Ferrol (-5) e Ourense (-1), mentres que aumentan nas da Coruña e Cee (+19), Lugo (+10), Pontevedra e O Salnés (+4) e Santiago e Barbanza (+3).

Con respecto aos novos contaxios de Covid detectados con calquera tipo de proba repuntan a 85 após arrincar a semana con 56, o que supón 29 máis no conxunto de Galiza.

Foron confirmados 83 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas, segundo os datos actualizados por Sanidade, 27 máis que a xornada pasada, dos cales 34 corresponden á área da Coruña e Cee; 16, á de Lugo; 12, á de Pontevedra e O Salnés; nove, á de Vigo; seis á de Santiago e Barbanza; e outro seis, á de Ourense, mentres que non se rexistrou ningún na de Ferrol.

En canto á taxa de positividade, continúa por baixo do 2% ao se situar nun 1,76% após iniciar esta semana cun 1,8%. Segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada esta pandemia. A última vez que Galiza sobrepasou esta barreira foi o 15 de febreiro.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio da pandemia mantéñense en 2.434 ao non notificar a Consellaría de Sanidade esta segunda feira novos falecementos.