Repunta de hospitalizados na Galiza, mentres os casos activos soben a 5.560

Unha persoa é trasladada a un centro hospitalario contaxiada pola Covid-19. (Foto: Europa Press)

Os novos positivos detectados baixan a 323, coa área sanitaria de Santiago como foco, pero con todo soben as  PCR realizadas nun día.

 

A Consellería de  Sanidade notifica unha repunta nos ingresados  Covid nos hospitais, até o total de 365, que se relaciona ademais coa primeira subida no número de casos activos en case un mes. En concreto, Galiza ten 5.560 pacientes de coronavirus, 39 máis que un día atrás, o que implica que ás portas do Nadal racha unha tendencia á baixa sostida desde o pasado 19 de novembro.

En canto á presión hospitalaria, a web de  Sanidade actualizada con datos das 18,00 horas do domingo reflicte que a cifra de ingresados aumentou en 16. Deste modo, os centros hospitalarios galegos suman 365 persoas con coronavirus: 310 en planta (+13) e 55 en UCI (+3).

En concreto, a área sanitaria de Vigo é a única na que baixa o número de persoas con Covid-19 que permanecen no hospital e a de Santiago-Barbanza é a que presenta un maior crecemento.

En canto á detección de casos, Galiza suma nos datos de hoxe 323 novos positivos por Covid-19, o que implica unha baixada de 50 con respecto ao día anterior. Así mesmo, cabe destacar que se produciu unha lixeira suba das  PCR realizadas en 24 horas, un total de 8.040, o que supón 145 máis.

A taxa de positividade das probas sitúase en4,3%, medio punto por baixo da rexistrada hai un día. Isto supón que Galiza leva xa tres días baixo o limiar do 5% que establece a Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a pandemia.

É un límite que, con todo, superan as áreas sanitarias de Ourense (9,2%), Pontevedra (10,2%) e A Coruña (10,6%).

E unha xornada máis as vítimas mortais da pandemia na Galiza seguen subindo e son xa 1.312 tras a confirmación de seis novos falecidos por parte das autoridades sanitarias nas últimas horas. Un deles estaba vinculado a unha residencia de maiores.