"Reprograman" as cirurxías non urxentes en Vigo polo aumento da incidencia da pandemia

Realización dun test de antíxenos en Vigo (Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).

A medida afecta ao Hospital Álvaro Cunqueiro polas tardes mentres que o Meixoeiro manterá as intervencións que non requiran ingreso.

O aumento de casos de persoas contaxiadas por Covid-19 na área sanitaria de Vigo obrigou á xerencia desta zona a “reprogramar” as citas cirúrxicas non urxentes, aquelas que se poden demorar sen que iso implique un agravamento na saúde do paciente.

Fontes sanitarias confirmaron que esta medida tomouse para "adaptar a actividade ás necesidades asistenciais" e poder atender e dar "cobertura" aos pacientes contaxiados de coronavirus.

Segundo os últimos datos facilitados por Sanidade a área viguesa ten 3.352 casos activos e 87 persoas hospitalizadas, 18 delas en UCI, entre a rede pública e a privada.

Por este motivo suspendeuse a actividade cirúrxica polas tardes no Hospital Álvaro Cunqueiro, mentres que, polas mañás, só realizaranse as intervencións "urxentes, prioritarias e oncolóxicas". Para o resto de intervencións, que se consideran con posibilidade de aprazamento, están a ser "reprogramadas".

Daquela, mudouse de data neste hospital a actividade de 6 quirófanos de tarde e doutros 3 de mañá no Álvaro Cunqueiro. As mesmas fontes sinalan que nos vindeiros días, as alteracións faranse conforme á evolución da pandemia e ás necesidades asistenciais.

Porén, no Hospital Meixoeiro, manterase sen cambios a actividade de cirurxía maior ambulatoria, xa que non require ingreso.

Camas habilitadas para pacientes con Covid

O Hospital Álvaro Cunqueiro conta nestes momentos con 90 camas habilitadas para pacientes Covid, así como 15 camas en UCI para este tipo de doentes, con dispoñibilidade tamén na área de Reanimación. Así mesmo, hai unha zona con 24 camas para persoas 'sospeitosas' de ter a enfermidade.

Na últimas horas as autoridades sanitarias comunicaron a morte doutras dúas mulleres diagnosticadas con Covid-19 que se atopaban hospitalizadas na cidade de Vigo.

Trátase de dúas mulleres de 86 e 90 anos que estaban ingresadas no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) e Povisa, respectivamente. Ambas tiñan patoloxías previas, segundo Sanidade.