Mobilidade

Restaurada a liña ferroviaria de Ferrol a Ortegal un mes despois

Tren FEVE na estación de Ferrol. (Foto: Google)
Este tramo vírase afectado desde o pasado 10 de abril por unhas obras que Adif dá por concluídas esta terza feira.

Adif concluíu as obras de automatización dos sistemas de regulamento do tráfico no tramo Ferrol-Ortigueira, que volverá prestar o servizo habitual a partir desta terza feira, día 9. A través dun comunicado o ente público sinala que, deste modo, quedan completados dous fitos chave na rede de largo métrico galega, tras un investimento superior aos 15,5 millóns de euros: a instalación do sistema de bloqueo automático en substitución do bloqueo telefónico e a nova configuración de vías das principais estacións do tramo, coa creación de dúas novas estacións en Moeche e Ponte Mera.

Así, a partir desta terza restabelécese o servizo —interrompido desde o pasado 10 de abril para ultimar estas actuacións— e a circulación dos trens entre as estacións de Ferrol e Ortigueira realizarase ao abeiro dun sistema de bloqueo automático (BAU), con control de tráfico centralizado desde o posto de mando do Berrón.

Con esta actuación, Adif destacou que se conseguirán "melloras substanciais na explotación ferroviaria", fundamentalmente unha "maior capacidade da liña e regularidade nas circulacións" dos trens, así como unha "mellora da seguridade e fiabilidade" das instalacións.

En paralelo, o ente público precisou que xa traballa na redacción do proxecto para suprimir o bloqueo telefónico do tramo Ortigueira-Ribadeo, que completará a automatización de toda a rede de largo métrico da Galiza.

A envergadura das actuacións fixo necesario suspender o tráfico entre Ferrol e Ortigueira desde o pasado 10 de abril, un corte que se estendeu até Ribadeo, a pedimento da Demarcación de Estradas do Estado na Galiza, para a realización de obras de reparación na estrada nacional N-642 entre Burela e Ribadeo.

Durante as obras, e con obxecto de garantir a continuidade do servizo, Renfe puxo ao dispor dos viaxeiros un plan alternativo de transporte por estrada para todas as circulacións afectadas polas actuacións, en ambos os sentidos, entre as estacións de Ferrol e Ribadeo.