Renfe suspende de forma indefinida todos os trens con orixe e destino Vigo por mor do temporal de vento e chuvia
A borrasca que afecta a Galiza obrigou a interromper esta quinta feira o servizo ferroviario con orixe e destino a Vigo, de forma que até novo aviso non sairá nin chegará a ningunha das dúas estacións da cidade ningún tren.
Renfe considera imposíbel prestar os servizos ferroviarios previstos e avisou as persoas usuarias de que, ademais de non circular ningún tren por mor dos avisos meteorolóxicos, non dispón de plan de transporte alternativo por estrada. A operadora habilitou cambios e devolucións gratuítos para os trens afectados, mais deixa sen opción as viaxeiras mentres persistan as condicións adversas.
Segundo informa a compañía, a cancelación dos servizos ferroviarios afecta traxectos de Alta Velocidad, Media e Longa Distancia, en concreto os trens que desde primeira hora deste 5 de febreiro unirían Vigo Guixar - Santiago, Vigo Urzaiz - Santiago, Vigo Guixar - Tui e Vigo Guixar - Ourense, de tal forma que todas as liñas fican fóra de servizo á espera de que remitan as condicións adversas de chuvia e vento.
Conexións con Madrid e Barcelona
Os servizos comerciais que conectan con Madrid. Estes trens terán orixe e destino a capital galega, mentres que o servizo transversal Vigo Guixar-Barcelona Sants prestarase desde Ourense. Por outra parte, o servizo de tren entre Santiago e A Coruña e no resto de conexións non mencionadas prestarase da forma habitual, aínda que Renfe subliñou que pode acumular algunhas demoras debido ao mal tempo e as fortes choivas previstas na Galiza.
Por último, a compañía informou do despregamento de persoal en estacións para informar os clientes e irá actualizando a información segundo vaia avanzando o día. Renfe recomenda evitar desprazamentos innecesarios e consultar as canles oficiais de transporte antes de acudir ás estacións e xustifica a carencia dun plan alternativo para o desprazamento das persoas usuarias na gravidade da situación e na falta de autobuses de substitución debido tamén ao estado das estradas.
Seguimento
Sobre o corte do transporte ferroviario a Vigo o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, dixo que, polo momento, non teñen comunicación directa co Ministerio, aínda que si están a seguir as noticias que difunde tanto o Goberno estatal como Renfe. "Sabemos que hai problemas sobre todo no que afecta as comunicacións ferroviarias con Vigo e, en xeral, é unha situación complicada, xa non só polo que está a chover agora mesmo, se non polo que choveu durante todos estes días e o que, avanzan as previsións meteorolóxicas, vai seguir chovendo", resolveu.
O Bloque Nacionalista Galego denunciou a suspensión total e indefinida de todos os servizos ferroviarios con orixe e destino Vigo –Alta Velocidade, Media e Longa Distancia– decidida por Renfe e Adif na mañá desta quinta feira, 5 de febreiro. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, recrimina que esta é unha decisión adoptada sen habilitar ningún tipo de transporte alternativo por estrada e que deixou sen posibilidade de mobilidade millares de persoas usuarias. Ás 6.42 horas da mañá, Adif e Renfe anunciaron a través das redes sociais a cancelación de todos os trens con orixe e destino Vigo alegando as condicións meteorolóxicas derivadas do paso da borrasca Leonardo e a alerta marela decretada en Pontevedra.
A propia Renfe recoñeceu que a suspensión se realizaba sen ofrecer medios alternativos, a pesar de que as previsións meteorolóxicas adversas estaban anunciadas desde hai días pola AEMET. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, considera que "a prudencia ante fenómenos meteorolóxicos adversos é necesaria, mais o que non é aceptábel é a improvisación e a absoluta falta de previsión que deixa tiradas millares de persoas sen ningunha alternativa para chegaren ao seu destino". Para o deputado nacionalista, "non se pode informar dunha decisión desta magnitude a primeira hora da mañá cando xa había millares de persoas con viaxes programadas, especialmente cando a situación meteorolóxica era coñecida con antelación". O BNG denuncia que esta decisión evidencia unha xestión deficiente por parte de Renfe e Adif e unha falta de compromiso do Goberno do Estado co dereito á mobilidade da cidadanía galega.
Rego subliña que "cando existen alertas meteorolóxicas anunciadas con varios días de antelación, é obrigación das empresas públicas planificar respostas alternativas que garantan a continuidade do servizo sempre que sexa seguro, e non limitarse a cancelar todos os trens sen máis". "O ocorrido en Vigo é unha mostra máis do desleixo cos servizos ferroviarios na Galiza e do trato discriminatorio que sofre o noso país en materia de infraestruturas e servizos públicos", sentenciou Rego.