Alertan da falta de reforzos de Renfe nos trens: "Ducias de viaxeiros quedaron en terra"

(Foto: César Arxina / Europa Press) #tren #ferrocarril #renfe #transporte #trens
CXT demanda máis prazas nos trens de maior afluencia e a reposición das liñas suprimidas pola pandemia.

O sindicato CXT vén de criticar a decisión de Renfe de non programar reforzos nos primeiros trens con saída de Vigo na mañá desta segunda feira, polo que "ducias de viaxeiros quedaron en terra por non teren prazas". Os convois, apunta a central nun comunicado, circularon "con capacidade normal". "Sen reforzar con outra composición e así circular ofertando o dobre de prazas", precisa.

En concreto, os trens con saída de Vigo ás 6.40, ás 8, ás 9.13 e ás 11 horas "circularon completos, impedindo que viaxeiros de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía puidesen coller o tren para o desprazamento programado para hoxe", explica.

Deste modo, insisten desde a CXT, "algúns tiveron que pagar o prezo do billete para poder viaxar até Santiago de Compostela no Alvia Urzaiz-Madrid das 9.20 horas, aínda que tiñan bono recorrente, xa que este tren de longa distancia non permite a formalización deste tipo de billetes de balde".

A organización ve "incomprensíbel" que Renfe "non programase ningún tren de mañá en dobre composición, a pesar de que hoxe, día 5, esperábase unha afluencia importante de persoas que ían utilizar o ferrocarril".

O problema, subliña, "centrouse no corredor atlántico sentido Vigo-Compostela e a falta de prazas repercutiu os cidadáns de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía que quixeron desprazarse a Santiago ou A Coruña, que se atoparon cos trens cheos e sen prazas á venda, xa que a relación A Coruña-Santiago, principal fluxo de viaxeiros no sentido A Coruña-Vigo, ten moitas máis circulacións, o que impide que se enchan os trens na súa totalidade".

Neste momento, segundo CXT, están en circulación quince trens de Media Distancia entre A Coruña e Santiago fronte aos dez entre Vigo-Pontevedra e Santiago, entre as 5 e as 15 horas, "en clara desvantaxe".

Por iso, a central reclama a Renfe e ao Ministerio de Transportes "que reforce os trens de maior afluencia de viaxeiros e repoña os suprimidos pola pandemia".