Este venres tampouco haberá trens en Vigo e Renfe desbota ofrecer transporte alternativo

Estación Vigo-Urzaiz (Foto: Nós Diario)
O temporal segue deixando consecuencias na mobilidade ferroviaria galega. Renfe suspenderá novamente o 6 de febreiro as conexións con Vigo sen unha alternativa para as persoas viaxeiras.

Renfe informou de que o 6 de febreiro manterá a suspensión dos trens con orixe e destino Vigo e ampliará a medida ao traxecto entre Ourense, O Carballiño e Santiago ante o risco de inundacións e desprendementos de terra provocados polo temporal.

Desta forma, os traxectos afectados —alta velocidade, media e longa distancia— son os que conectan Vigo Urzaiz con Santiago; Vigo Guixar coa capital galega; Vigo Guixar con Tui; Vigo Guixar con Ourense; así como o corredor Ourense-O Carballiño-Santiago.

Renfe non estabelecerá un plan de transporte alternativo por estrada, aínda que indicou que están habilitados os cambios e anulacións dos billetes de maneira gratuíta. Pola súa parte, o Concello de Vigo enviou un comunicado na tarde deste 5 de febreiro no que informa de que reclamou a Renfe a posta en marcha dun servizo alternativo de autobuses “dado que a rede ferroviaria non está en condicións de operatividade”.

“Renfe debe poñer á disposición dos seus viaxeiros autobuses que circulen desde a estación de buses de Vigo até Santiago, coas mesmas frecuencias que o tren e con capacidade suficiente para o traslado de todas as persoas usuarias. Renfe non pode deixar desatendidos e sen servizo de transporte aos viaxeiros e viaxeiras de Vigo”, sinala o comunicado municipal.