TRANSPORTE

Renfe incorpora esta nova frecuencia diaria entre Vigo e Santiago

Tren estacionado en Santiago con destino Vigo. (Foto: Arxina)
O tren partirá da terminal viguesa de Guixar e parará tamén en Redondela, Pontevedra, Vilagarcía, Pontecesures e Padrón.

Renfe incorpora a partir da vindeira segunda feira, 16 de octubre, unha nova frecuencia diaria que unirá as estacións de Vigo-Guixar e Santiago de Compostela, con paradas en Redondela, Pontevedra, Vilagarcía, Pontecesures e Padrón. O tren partirá da terminal viguesa de Guixar ás 17.05 horas.

Esta nova frecuencia chegará á estación de Redondela contra as 17.17 horas; á de Pontevedra, ás 17.32h; Vilagarcía de Arousa, ás 17.50h; Pontecesures, ás 18.10h; Padrón, ás 18.14h, e concluirá o seu percorrido en Santiago de Compostela ao fío das 18.35h.

Tamén se reorganiza outro servizo xa existente cunha modificación horaria. Trátase do tren que actualmente realiza o traxecto Santiago de Compostela-Vilagarcía e sae da capital ás 18 horas, que a partir agora sairá unha hora e dez minutos máis tarde, ás 19.10h. Segundo informa a compañía nun comunicado, con este servizo serán un total de 143 as frecuencias semanais en cada sentido, un total de 286 se se suman ambos os sentidos, as que permitirán desprazarse ao longo do Eixo Atlántico.

O pasado 28 de marzo, Renfe ampliou a súa oferta de servizos entre Santiago de Compostela e Vilagarcía de Arousa coa incorporación de catro trens entre ambas as cidades, así como un servizo máis entre Santiago de Compostela e Vigo-Guixar. Ademais, dous trens que xa circulaban entre Santiago e Vigo-Guixar ampliaron os seus días de circulación ao pasar a ser diarios.