Mobilidade

A tardía instalación do sistema 'ERTMS' provoca desde hoxe estes cortes na liña

Dous trens agardando a saída na estación de tren de Santiago de Compostela. (Foto: Arxina / Europa Press)
Renfe traslada por estrada as persoas usuarias do tren Santiago-Ourense.

Renfe traslada por estrada desde este sábado as pasaxeiras e pasaxeiros afectados polas obras de mellora da infraestrutura que Adif leva a cabo entre Santiago de Compostela e Ourense, que inclúen a posta en servizo do sistema de protección do tren 'ERTMS' —cuxa ausencia foi chave no tráxico accidente de Angrois en 2013— no seu nivel 1 no eixo atlántico e na contorna da estación da capital galega, incluído o tramo no que se produciu citado descarrilamento.

Así, entre este sábado e a próxima segunda feira, día 24, as obras supoñen unha interrupción do servizo ferroviario neste tramo, polo que Renfe reprogramou os servizos que circulan neste traxecto. As persoas usuarias dos trens Avant realizan servizo alternativo por estrada entre Ourense e Santiago, o que comportará un incremento no tempo da viaxe.

Para os servizos Alvia, Renfe modificará os percorridos dos trens que conectan a Galiza con Madrid e Barcelona, que verán modificados tamén os seus tempos de viaxe. A modificación do horario do primeiro Avant que sae da Coruña permite a ligazón co primeiro Ave que parte de Ourense con destino Madrid, ás 6.30 horas. Renfe adianta a saída do primeiro servizo desde A Coruña ás 4 horas para chegar a Ourense ás 6.20h.

Alvia

  • Os trens Alvia que conectan a Galiza con Madrid e Madrid coa Galiza quedan configurados nestas datas do seguinte modo:
  • Trens con orixe/destino Vigo: realizarán a saída desde Vigo-Guixar no canto de Vigo-Urzaiz. Os viaxeiros con destino Vilagarcía e Pontevedra encamiñaranse ao destino en bus. Os viaxeiros con destino e orixe Santiago realizarán o percorrido Ourense-Santiago en bus nos dous sentidos.
  • Trens con orixe/destino Ferrol: realizarán o percorrido entre Ferrol-A Coruña-Santiago-Ourense por bus.
  • O Alvia A Coruña-Madrid das 19.53 horas realizarase por estrada entre A Coruña e Ourense e Santiago e Ourense, e desde aquí en tren a Madrid. O Madrid-A Coruña das 14.30h realizarase en bus entre Ourense-Santiago-A Coruña. Aliás, veranse afectadas todas as ligazóns cos trens Avant Ourense-Santiago-A Coruña, así como Vigo, na oferta antes definida.
  • O día 23 de abril, o Alvia A Coruña-Barcelona fará por estrada o tramo entre A Coruña e Monforte de Lemos.
  • Os días 22 e 24 de abril, o Alvia Barcelona-A Coruña fará por estrada o tramo entre Monforte de Lemos e A Coruña.

Servizo posventa

Para aqueles clientes aos que as novas condicións de viaxe non se axusten ás súas necesidades, Renfe ofrécelles a posibilidade de anular ou cambiar os seus billetes sen custo. O reintegro ou o abono xerado producirase mediante o mesmo medio de pago previamente utilizado para a compra do título de transporte.

Nos traxectos por estrada non está permitido levar bicicletas nin animais de compañía. Neste senso, Renfe afirma que "lamenta as molestias" que estas cuestións poidan ocasionar.