Renfe anuncia cambios nos horarios dos trens a partir do 2 de febreiro: estas son as liñas que mudan
Renfe modificará a partir do 2 de febreiro os horarios de saída e chegada de dous trens de Media Distancia de Vigo-A Coruña e un Avant A Coruña-Ourense.
No Eixo Atlántico, o tren 9072 que realiza o traxecto Vigo Urzaiz-A Coruña efectúa a súa saída desde o pasado 8 de abril ás 6.15 horas tras a reorganización provisional do servizo que levou a cabo con motivo das obras de Madrid Chamartín. Agora que se reverteu a situación da estación madrileña, explican, Renfe ofrecerá esta frecuencia nun horario "que se adapta a máis clientes" e sairá de novo da cidade olívica ás 6.34 horas, é dicir, no seu horario habitual antes do 8 de abril.
Pola súa parte, o tren 9143 A Coruña-Vigo Urzaiz, con saída a día de hoxe ás 13.58 horas, modificará levemente o seu horario e partirá da Coruña as 14.05 horas para mellorar as condicións de circulación ao non solaparse coa marcha do AVE Madrid-Vigo.
Tamén se producirá unha modificación no servizo Avant. O tren 9201, que realiza o traxecto entre A Coruña e Ourense ás 19.42 horas, pasará a efectuar a súa saída desde a cidade herculina ás 21 horas. Argumentan que este cambio mellora a oferta de última hora do día, para que os clientes poidan regresar no último Avant nun horario que amplía as posibilidades de viaxe a horas máis tardías.
Os billetes para estes trens estarán dispoñibles ao longo deste terza feira nas canles oficiais de Renfe.
Novo presidente de Renfe
Por outra parte o ministro de Transportes e Mobilidad Sostible, Óscar Puente, nomeou Álvaro Fernández de Heredia como novo presidente de Renfe en substitución de Raül Blanco, que ocupou este cargo durante os últimos dous anos. O nomeamento aprobouse na reunión do Consello de Ministros desta terza, segundo confirmaron fontes do Ministerio e asegurou o propio Fernández de Heredia nas súas redes sociais.
Fernández Heredia, enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos e doutor en Infraestruturas dos Transportes pola Universidade Politécnica de Madrid (UPM), conta con 20 anos de experiencia profesional no sector da mobilidade e o transporte e desenvolveu a súa actividade en consultoría, investigación e docencia universitaria, con cargos de xestión a distintos niveis.