“Renfe aínda mantén suspendidos trens que circulaban antes da pandemia"

Estación tren Compostela

CGT denuncia "falta de prazas" e pide un aumento de trens no eixo atlántico.

O sindicato a Confederación Xeral do Traballo (CGT) denuncia "falta de prazas" as sextas feiras e domingos debido á demanda de estudantes e tamén "a primeira hora da mañá" entre Vigo e Santiago/A Coruña, polo que pide un aumento de trens no eixo atlántico.

Para iso, o sindicato remitiu unha carta ao xerente do servizo público de Renfe Viaxeiros na que solicita un aumento dos servizos ferroviarios.

En concreto, refírese a situacións como as derivadas da demanda de estudantes, a apertura do centro comercial de  Vialia na estación de Urzaiz o próximo día 30 e o incremento previsíbel tamén para o Nadal polas luces que se instalan na cidade olívica.

E é que, segundo advirte CGT, Renfe "aínda mantén suspendidos trens que circulaban antes da pandemia".

Desde o ano 2005 no que Adif inicia a súa actividade, tras a segregación de Renfe en dúas entidades, a perda de persoal foi unha constante, segundo denunciaban desde o propio persoal a comezos deste ano. A nivel estatal ás 224 baixas pola creación de Adif Alta Velocidade e as 844 do transvasamento da canle de venda a Renfe Operadora, hai que sumar a perda de 2.359 persoas traballadoras no período 2005-2020, das cales un 90% pertencían ao persoal operativo.

Para os próximos anos, e cun persoal cunha idade media de 56, no período 2021-2024 prevese a baixa de 2.337 persoas traballadoras. "Perdeuse dous terzos do cadro de persoal", explicaba daquela a Nós Diario o presidente do comité de empresa de Adif na Coruña, Pedro Cano. 

A falta de persoal de Adif ten unha repercusión especial na Galiza, segundo sinalaba Juan Sánchez, da CGT. "A nosa estrutura ferroviaria precisa duns estándares de mantemento moito máis importantes, con máis horas que noutros territorios", indica, "temos vías moi vellas como a liña do Miño, a do interior de todo Lugo e a falta de cadro de persoal nos equipos de mantemento da infraestrutura ferroviaria é grave".