REDE denuncia que S. Rosendo concentra nun xeriátrico “decenas de anciáns infectados chegados de toda Galiza”

(Foto: Web)

Afirma que o fai “sen o consentimento das familias, e coa permisividade da Xunta” e anuncia que porá esta situación en coñecemento da Valedora e da Fiscalía.

A Asociación Galega de Familiares REDE anuncia que vai denunciar ante a Valedora do Pobo e Fiscalía a situación que afirma que se vive na residencia Os Gozos, en Pereiro de Aguiar, onde di que a Fundación San Rosendo traslada desde diferentes puntos da Galiza persoas maiores contaxiadas de coronavirus.

“Todos estes movementos e cambios, alén da legalidade e da Covid, non son bos para as delicadas patoloxías dos maiores, agravadas por procesos agudos de desorientación; esta ‘road movie’ clandestina polas estradas galegas é inaceptábel... seguimos sendo crueis cos anciáns en aras do pragmatismo social”, indica esta plataforma.

Os Gozos, afirma, sufriu en outubro un contaxio masivo que afectou 84% das usuarias. O día 9 dese mes a Xunta tivo que poñerse á fronte do xeriátrico para garantir a saúde e a vida dos residentes e das traballadoras.

“Decenas de anciáns infectados pola Covid e procedentes de moitos puntos de Galiza chegan a Pereiro de Aguiar, nas inmediacións de Ourense capital, en ambulancias adscritas a hospitais públicos"

“Decenas de anciáns infectados pola Covid e procedentes de moitos puntos de Galiza chegan a Pereiro de Aguiar, nas inmediacións de Ourense capital, en ambulancias adscritas a hospitais públicos. Desde decembro, a residencia para maiores Os Gozos, de xestión privada, propiedade da católica Fundación San Rosendo, acolle persoas maiores que deron positivo nos diferentes xeriátricos que esta polémica institución ten espallados polo territorio galego”.

Rede indica que, segundo a Fundación, isto conta co “consentimento” das Consellarías de Sanidade e de Política Social, e tamén das familias das persoas afectadas polo virus e polos traslados.

“Así está expresado literalmente nunha folla que remitiu aos medios de comunicación o pasado día 23 de xaneiro. Pero non hai constancia en absoluto destes consentimentos, de feito varias familias achegaron as súas testemuñas a REDE conforme a Fundación San Rosendo non contou con elas para dar o visto bo aos  desprazamentos”.

A asociación cifra en máis de cen as persoas maiores que nestes dous últimos meses “foron trasladadas ‘ad hoc’ dende diferentes residencias de Galiza até Os Gozos”.

REDE considera que non existen garantías xurídicas e sanitarias para concentrar “decenas de persoas” nunha residencia de maiores privada “que segue operando como tal, como é o caso de Os Gozos, ademais sen os consentimentos asinados das familias”.