A rede Midas escolle como presidente o xornalista vasco Martxelo Otamendi
Primorski dnevnik foi fundado en 1945 por partisanos iugoslavos en Trieste, cidade ocupada por eles tras o fin da II Guerra Mundial. Aínda que logo tanto este municipio como o veciño de Gorizia pasaron a mans italianas, o xornal, que emprega a lingua eslovena, seguiuse editando para os moitos compatriotas que se foron asentando en Italia co paso dos anos e que hoxe constitúen unha numerosa minoría conformada por milleiros de persoas. Paralelamente, ao outro lado da fronteira, en Iugoslavia, nacía, practicamente desde cero, a cidade de Nova Gorica. Separadas durante anos por un control fronteirizo, desde que Eslovenia entrou en 2007 no espazo de Schengen funcionan, na práctica, como unha única urbe. É frecuente escoitar o idioma italiano na cidade eslovena, e viceversa.
Gorizia e Nova Gorica, canda a lindeira -e tamén eslovena- Šempeter-Vrtojba, integran hoxe unha Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) como as tres que hai actualmente no noso país -Galiza-Norte de Portugal, Río Miño e Chaves-Verín-. Este ano Gorizia e Nova Gorica son, no seu conxunto, a Capital Europea da Cultura. E esta sexta feira tamén acolleron, exercendo Primorski dnevnik como anfitrión, a Asemblea Xeral anual da Asociación Europea de Xornais Diarios en Linguas Minoritarias e Rexionais (Midas), da que Nós Diario forma parte desde o pasado ano canda outras 27 cabeceiras de todo o continente. E até alí nos desprazamos para debater sobre o futuro da prensa en Europa e sobre o estado das linguas minoritarias e minorizadas.
En Midas podemos atopar realidades moi distintas: desde o caso mesmo de Primorski dnevnik, que se publica en esloveno dentro do territorio italiano, e o do anfitrión da asemblea de 2024, Hargita Népe, que utiliza o húngaro en Romanía, até Nós Diario na Galiza, Berria en Euskal Herria ou Regió 7 e VilaWeb nos Països Catalans, por desgraza unha rara avis ao empregaren as súas respectivas linguas propias -minorizadas, máis que minoritarias- no medio dun panorama mediático eminentemente castelanizado.
E precisamente sobre esta diversidade de contextos versou a conferencia 'Minorías: xornais na fronteira', interpretada de forma simultánea en inglés, esloveno e italiano e na que tomaron a palabra para mostrar cadansúa realidade Igor Devetak, director de Primorski dnevnik; Ivo Vidotto, director do croata La Voce del Popolo (en italiano); Gwyn Nissen, do dinamarqués Der Nordschleswiger (en alemán); Edit Slezák, do eslovaco Új Szó (en húngaro); Vicent Partal, do catalán VilaWeb, e mais Martxelo Otamendi, ex director do vasco Berria e, desde a asemblea desta sexta feira, novo presidente de Midas, substituíndo Slezák após 12 anos no cargo.
Remuda na Directiva
A até o de agora presidenta de Midas, acompañada do seu secretario xeral, Marc Röggla, e de Jakob Volgger -investigador do centro Eurac Research, que colabora con Midas-, quixo despedirse agradecendo “todo o apoio” recibido durante esta etapa e lembrando o seu predecesor e membro fundador da organización, Toni Ebner, de Dolomiten. Desde este mesmo xornal, Elmar Pichler-Rolle incorpórase á nova Directiva que presidirá Martxelo Otamendi canda Stefano Semen, de Primorski dnevnik. Aliás, o novo Tribunal de Arbitraxe, que ten por obxectivo mediar ante posíbeis conflitos, comporano Edit Slezák e mais Vicent Partal.
A Asemblea Xeral de Midas aprobou, por unanimidade, o ingreso dun novo membro, Åbo Underrättelser, o xornal máis antigo de Finlandia -fundado en 1824- e escrito en lingua sueca e cunha tiraxe duns 4.800 exemplares. A súa directora, Susanna Landor, agradeceu pasar a formar parte desta organización e explicou que, dadas as importantes mudanzas que se están a producir no xornalismo e no consumo de prensa, están a estudar a posibilidade de editar un único número impreso do diario por semana -actualmente son cinco, de terzas feiras a sábados, igual que Nós Diario-.
Posteriormente as e os representantes de cada medio deron conta das súas respectivas situacións económicas, retos e proxectos de futuro, coincidindo a maioría deles na necesidade de apostar cada vez máis na contorna dixital fronte a un papel que esmorece lentamente.
A nova Directiva reunirase este verán para designar a sede que acollerá a Asemblea Xeral de Midas de 2026, cando celebrará o seu 25 aniversario, e para traballar no deseño dunha nova imaxe corporativa, na procura de fondos para financiar as súas actividades en defensa das linguas minoritarias, e no crecemento dunha rede de medios que xa abrangue case unha trintena deles e unha ducia de linguas. Otamendi prometeu traballar pola dignificación das linguas minoritarias e minorizadas e por mellorar as relacións de Midas coa UE e cos gobernos rexionais, nacionais e estatais. Tamén salientou a necesidade de contarmos con medios de comunicación que empregan estas linguas.
Premio anual
O xornalista croata Milan Rakovac recibiu, durante unha cea de gala presidida polo viceprimeiro ministro esloveno Matej Arčon, o Premio Otto von Habsburg, unha distinción que entrega anualmente Midas e que leva o nome do fillo maior do derradeiro emperador de Austria-Hungría, polo seu labor a prol da diversidade lingüística na prensa. Aliás, a organización recoñeceu co Premio Midas o traballo de investigación de Urtzi Urkizu, de Berria, arredor da situación das linguas minoritarias e minorizadas en Europa.