Rebentan a presentación do novo xerente do Hospital da Costa e exixen a demisión da conselleira

[Imaxe: SOS Sanidade A Mariña]
Berros de "mentireira" e pola súa demisión foron os que @s traballador@s do centro público lle dedicaron a Rocío Mosquera, deixando claro o seu rexeitamento á Xestión integrada que lles impuxo e que "non recoñeceremos" ningún xerente "se non é da área propia da Mariña"


Nunha nota enviada á imprensa, a consellaría de Sanidade deu conta esta segunda feira da presentación formal do novo xerente do Hospital da Costa, Francisco Antonio Soriano Paredes, nun acto nas dependencias do centro sanitario público en que estiveron presentes a propia conselleira, Rocío Mosquera, e a xerenta do Sergas, Nieves Domínguez.

Di a información da Xunta que a conselleira "desexou sorte" a Soriano Paredes "nos novos retos" como o proceso de integración na área de Xestión integrada "que garantirá a equidade, a accesibilidade, a continuidade asistencial e a calidade da atención".

Con todo, nada indicou a consellaría de Sanidade a respecto da protesta realizada en contra desa xestión integrada e da cal fixo parte a práctica totalidade d@s traballador@s do hospital público, rebentando a posta de largo de Soriano e deixando claro que "non recoñecemos este xerente nin ningún outro que non sexa un xerente de área propia da Mariña".

Erguendo cartaces en que podía lerse 'Acto de defunción do Hospital da Costa' ou 'Conselleira demisión', berros de "mentireira" foron os que lle dedicaron a Rocío Mosquera, a quen lle recriminaron que faltase á súa palabra de que o centro hospitalario fincado en Burela non perdería nunca a súa independencia. Os incumprimentos da Xunta de Núñez Feijóo provocaron a demisión do anterior xerente, José Insua, e da directora de Enfermaría, Carmen Louzao. A intervención de Insua foi a única respectada pol@s traballador@s, a quen despediron cun prolongado aplauso.