Reavívase o incendio do Courel na zona de Ferreirós de Arriba

Imaxe do conato en Ferreirós de Arriba. (Foto: Bigada de Marroxo)
O incendio forestal de Arbo permanece activo após arrasar 400 hectáreas.

A pasada quinta feira, após dez días arrasando entre 11.000 e 13.000 hectáreas, a consellaría de Medio Rural deu por extinguido o incendio que afectara os concellos de Folgoso do Courel e da Pobra do Brollón, no Courel, sendo o maior lume da historia da Galiza desde que existen rexistros.

Porén, a Brigada de Marroxo alertou a primeira hora desta tarde da reactivación das lapas, cun pequeno conato orixinado á altura da aldea de Ferreirós de Arriba, no termo municipal de Folgoso do Courel.

Á espera de que Medio Rural comparta o novo reporte da situación incendiaria no país, descoñécese se este conato foi a máis ou se rematou por apagarse.

Durante a tarde, bombeiros forestais da Brigada de Marroxo levaron a cabo tarefas para a construción dunha liña de defensa nos montes lindeiros a Ferreirós de Arriba, co obxectivo de evitar que as lapas volvesen reproducirse e afectasen outras zonas da contorna.

Incendio de Arbo

incendio forestal que continúa activo e leva arrasadas 400 hectáreas no municipio de Arbo non rexistrou variacións nas últimas horas no que atinxe á superficie afectada, e quedou desactivada a alarma preventiva pola proximidade das chamas ás vivendas do núcleo das Searas.

Así consta no último parte da Consellaría do Medio Rural emitido esta terza feira, con datos até as 13.30 horas, que reflicte que aínda hai catro fogos non extinguidos cun balance de 645 hectáreas calcinadas.

O máis grande é, polo tanto, o de Arbo, que segue activo na parroquia de Mourentán con 400 hectáreas queimadas. Para combater este lume traballaron nove técnicos, 26 axentes, 75 brigadas, 50 motobombas, cinco pas, dúas unidades técnicas de apoio, doce avións e dez helicópteros. Tamén se desprazou até Arbo a Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Precisamente, o delegado do Goberno na Galiza, José Miñóns, destacou esta segunda feira, en declaracións aos medios após un acto en Ames, o despregamento dun total de 50 efectivos desta unidade, alén de "máis de 20" medios terrestres e outros medios aéreos.