Realizan pintadas sobre a igrexa e o coche do cura de Pontedeume: "Morte ao fariseo"

Pintadas no coche do crego de Pontedeume. (Foto: Europa Press)
O crego asegura descoñecer quen poden ser os responsábeis destes danos.

O vehículo particular do cura de Pontedeume (comarca do Eume) apareceu na mañá do pasado sábado cunha pintada en ambos os costados na que se podía ler "morte ao fariseo". Tamén amenceu pintada a igrexa nun dos seus laterais coa inscrición "Benxamín fariseo", en alusión ao párroco deste lugar.

Ás poucas horas de se notificar o incidente, tanto as pintadas do vehículo como do lugar de culto foron borradas, no primeiro dos casos aplicando un produto de limpeza e no segundo con pintura branca sobre o muro.

O párroco mostrou a súa estrañeza por esta acción, que xa foi comunicada o sábado á Garda Civil, asegurando descoñecer quen poden ser os responsábeis destes danos tanto nunha propiedade privada como noutra pública. O automóbil estaba aparcado no atrio da igrexa e o crego asegura descoñecer os motivos que puideron levar a realizar as devanditas pintadas.

Este domingo, unha vez finalizada a eucaristía, varios dos fregueses que acudiron á igrexa de Pontedeume permaneceron concentrados no edificio para mostrar a súa repulsa e solidarizarse co relixioso, que agradeceu visibelmente emocionado esta mostra de apoio. Moitos deles recibírono cun aplauso espontáneo.

O sacerdote, que atende unha decena de parroquias deste municipio e do veciño de Cabanas, leva cinco anos exercendo o seu labor na igrexa nesta zona.