Investigación

Jesús López Romalde, Ramón Máiz, Ángeles Sanromán, Isabel Pastoriza e Jorge Mira, premiados pola RAGC

De esquerda a dereita e de arriba a abaixo, Jesús López Romalde, Isabel Pastoriza, Ramón Máiz, Ángeles Sanromán e Jorge Mira.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) entregará as súas medallas o próximo 6 de outubro en Santiago de Compostela.

Jesús López Romalde, Ramón Máiz, Ángeles Sanromán, Jorge Mira e Isabel Pastoriza recibirán o próximo 6 de outubro a Medalla de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). No seu cuarto ano de vida, a distinción que pretende recoñecer a traxectoria de científicos que desenvolven as súas carreiras na Galiza recaerá en cinco investigadores das universidades de Santiago e Vigo.

A entrega das medallas terá lugar no acto académico da celebración do Día da Ciencia na Galiza, que se conmemorará o 6 de outubro no Colexio de Fonseca de Santiago de Compostela.

Segundo detalla a Real Academia Galega de Ciencias nun comunicado, o catedrático de Microbioloxía e decano da Facultade de Bioloxía da USC, Jesús López Romalde (Ferrol, 1964), recibe a Medalla Ánxeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde pola súa traxectoria científica, que o levou a ser designado como experto técnico a nivel estatal para a SARS-CoV-2 polos seus traballos sobre a detección do virus en augas residuais.

A Medalla Domingo García-Sabell Rivas, dedicada ás traxectorias investigadoras no campo das Ciencias Económicas e Sociais, recoñece a carreira de Ramón Máiz Suárez (Tenerife, 1953), catedrático de Ciencia Política e da Administración da USC e que está considerado "un dos politólogos máis importantes" dos últimos anos.

Pola súa parte, a catederática de Exeñería Química na Universidade de Vigo María Ángeles Sanromán Braga (Cádiz, 1964) recibirá a Medalla Isidro Parga Pondal da categoría de Ciencias Técnicas polos seus "extraordinarios méritos" como investigadora no seu campo e a súa capacidade formativa, así como pola transferencia dos resultados dos seus traballos.

A Medalla Enrique Vidal Abascal da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación vai para o catedrático de Electromagnestismo na USC Jorge Mira Pérez (Baio, 1968) pola "orixinalidade e calidade da súa traxectoria científica, con notábeis contribucións a un gran abano de disciplinas".

Por último, a profesora titular de Química Física da Universidade de Vigo Isabel Pastoriza Santos (Bueu, 1974) será distinguida coa Medalla Antonio Casares Rodríguez da sección de Química e Bioloxía polos seus méritos no desenvolvemento de proxectos científicos, como os logrados na diagnose de enfermidades como a Covid-19.