A reactivación da mina de Touro tería un "impacto negativo" na bacía do Ulla mais na ría de Arousa

Contaminación mineira no río Portapego ao seu paso por Touro (Salvemos Cabanas / Europa Press).
A asociación ecoloxista 'Salvemos Cabana' faise eco de informes científicos e datos de especialistas que confirman que "todo desaconsella un proxecto ao descuberto"

Investigacións científicas e datos de especialistas "confirman" que a posíbel reapertura da mina de Touro-O Pino tería un "impacto negativo sobre a cunca fluvial do Ulla e a contorna da ría de Arousa".

A alerta parte da asociación ecoloxista Salvemos Cabana, que afirmou nun comunicado que eses datos constatarían que a reapertura deste proxecto mineiro ao descuberto "podería supor unha problemática engadida en caso de accidente a grande escala" e que a restauración de canles afectadas pola antiga explotación "vai resultar unha tarefa extremadamente difícil para a que non existen solucións máxicas como a instalación de plantas de tratamento".

Metais pesados e contaminación

O colectivo fai referencia a un estudo da investigadora Rosa Calvo a canda outros autores, realizado en 1991, cinco anos despois do feche da mina. Nel recóllese o "lamentable" estado das augas superficiais e subterráneas da zona, intoxicadas con metais pesados como zinc, cobre e níquel que sumados a outros compostos coma os sulfatos "non son tolerábeis” para a vida animal, o recreo e o abastecemento humano.

O traballo de investigación advirte que "a influencia sobre augas freáticas e contaminación de acuíferos faise especialmente evidente nas análises realizadas en pozos, fontes e augas de traída de núcleos rurais".

Durante o traballo de campo na zona da mina levaron a cabo a recollida de 22 mostras de auga en diferentes puntos. Desas 22, só dúas eran susceptíbeis de se poder "beber directamente", mentres que 17 delas foron catalogadas directamente como "non potabilizábeis".

Grave risco de toxicidade 

O estudo fai referencia a unha influencia negativa "nos solos situados nas marxes fluviais, nos que aparecen signos evidentes de contaminación", mais nos recursos hídricos, "cun gravísimo risco de toxicidade" que se trasladou máis aló do río. 

Para Salvemos Cabana esta situación ten un impacto significativo na bacía do Ulla e, en consecuencia, na ría de Arousa, como demostran investigacións posteriores. 

Sinala o colectivo un traballo de Ricardo Prego e outros investigadores sobre a presenza de metais no esteiro do Ulla que constatou a presenza de elevados niveles de cromo, cobre, manganeso, níquel e zinc, dando por sentado que a orixe dalgúns destes metais pesados "debe de ser o transporte fluvial" desde os depósitos existentes na mina de Touro.

"Todo desaconsella un proxecto ao descuberto"

Ante o interese de Atalaya Atalaya Mining por reactivar a mina de Touro-O Pino malia o carpetazo da Xunta e unha falta de restauración crónica da contorna, a asociación de defensa ambiental volve por de manifesto os resultados destes estudos  para alertar sobre o perigo dunha reapertura.

"Todo" desaconsella o reinicio dun proxecto ao descuberto. Para o colectivo, nin "o uso das mellores técnicas dispoñíbeis a nivel mineiro" nin a "filosofía de vertido cero" poderían evitar, en caso dun posíbel accidente a gran escala, "un desastre ambiental sen precedentes na Galiza".