Reaberta a estrada Malpica-Aviño, após a rotura dunha balsa da mina do Monte Neme
A vía Malpica-Aviño (Bergantiños) restableceuse este domingo tras a rotura da contención dunha balsa de auga nunha galería da mina do Monte Neme este sábado.
Segundo trasladou o 112 Galiza no seu boletín informativo, a Policía Local avisou da reapertura da vía, que une Malpica con Aviño, despois de ser interrompida na mañá do sábado polo incidente.
A rotura da contención da balsa provocou que saíse a auga que contiña ladeira abaixo. Neste caso, non se produciron máis danos que as consecuencias materiais causadas polo arrastre. Mais, non é o primeiro sinistro deste tipo que se produce no lugar.
Xa en 2014, a rotura doutra balsa, máis próxima ás vivendas, ocasionou danos cuxa reparación, na hemeroteca da época, cifrábase en máis de 100.000 euros.