Ratificado o arquivo da causa contra varios directivos da CRTVG por suposto acoso laboral
A Audiencia Provincial da Coruña ratificou, ao desestimar o recurso de apelación interposto pola demandante, a resolución previado Xulgado de Instrución Número 1 de Santiago que decretaba o arquivo da causa contra nove directivos, ex directivos e traballadores da CRTVG -agora Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG)-.
Este proceso iniciouse en maio de 2023 por mor dunha querela presentada por unha traballadora que afectaba varios directivos da Corporación, entre eles o anterior director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo.
A sentenza xudicial contra o que se presentou recurso de apelación e que se fixo público o pasado mes de abril enumeraba os feitos relatados na querela -como un cambio de posto laboral- e negaba que en cada un deles houbese unha situación de acoso laboral.
A Audiencia ratificouno nun auto que leva a data de finais de xuño e no que se conclúe que, "analizados de forma obxectiva e imparcial, e valorados de forma tanto individual como no seu conxunto, ningún dos actos imputados aos investigados e que resultan das dilixencias de investigación practicadas, poden ser considerados como hostís ou humillantes e, en todo caso, constitutivos dunha situación grave de acoso".
O que revela a instrución practicada, argumenta o auto, antes de confirmar o arquivo, é "a existencia dunha situación de conflito laboral, provocado por aquel inicial cambio de posto de traballo, que xera ansiedade ou malestar na querelante, tal e como resultan dos informes médicos obrantes en autos, pero en todo caso allea ao dereito penal sancionador".