Ralentízanse os contaxios e baixan os ingresos na UCI mentres os falecementos sitúanse en 384

Análise de coronavirus nun laboratorio (Imaxe: Marwan Naamani)

Un total de 1.240 persoas xa foron dadas de alta.

O número de casos de coronavirus na Galiza na actualización desta terza feira é de 5.973, segundo os dados proporcionados pola Conzsellaría de Sanidade. As áreas da Coruña, con 1.271 contaxios, e Ourense, con 1.187, son onde haimáis casos, se ben destaca a ourensá por ser moito menos poboación.

Na área de Lugo hai 590, 504 na de Pontevedra, 1.077 na área de Vigo, 1.007 na de Santiago, e 337 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, informa a Xunta, 133 permanecen en UCI, o que é 3 menos ca onte emantense a liña de baixada que se rexistra desde hai días.

733 están en unidades de hospitalización (2 menos ca onte) e 5.107 no domicilio. Polo de agora, na Galiza rexistráronse 1.240 altas de pacientes e 384 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 48.337.

Residencias

No que atinxe ás residencias, 1.335 persoas contaxiadas están ligadas a estas instalacións, ben como usuarias (917) ou como traballadoras (418): Estas 1.335 persoas contaxiadas representan 22% do total de infectadas por coronavirus na Galiza.

Porén, dos 384 falecementos que este virus provocou na Galiza, 168 son ligados ás residencias de anciáns. Iso supón case 44%, unha porcentaxe máis que preocupante, como denuncian familiares de usuarias e diferentes organziacións e colectivos.

O número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galiza supón 3,7% do total das persoas residentes, segundo insiste a Xunta.

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.