Quinta vítima mortal do coronavirus na Galiza, que xa rexistra 444 casos

(Europa Press)
É José Luis Paz Pena, ex dirixente de CCOO na comarca da Coruña eex  traballador de Alcoa.

José Luis Paz Pena, ex secretario de CCOO na comarca da Coruña é a quinta vítima na Galiza a causa do coronavirus. Estaba ingresado na UCI do Complexo hospitalario da Coruña e tiña patoloxías previas. Foi presidente do comité de empresa de Aluminios de Galiza, que posteriormente sería Alcoa.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou esta quinta feria que, na última actualización, o número de casos de coronavirus na Galiza ascende a 444, deles 136 son da área da Coruña, 36 da de Lugo, 46 da de Ourense, 59 da de Pontevedra, 84 da área de Vigo, 68 da de Santiago, e 15 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 15 permanecen en UCI, 99 están en unidades de hospitalización e 330 no domicilio. Polo de agora, en Galiza rexistráronse 4 altas de pacientes e 5 falecementos

O cuarto falecemento foi o dunha persoa de 72 anos de idade, natural de Cedeira, que estaba ingresada na UCI do Chuac e quetamén  tiña patoloxías previa

A terceira persoa falecida, de 45 anos de idade, estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac) e tiña "moita patoloxía previa".

A segunda morte en Galiza foi a dun home de 81 anos con diversas patoloxías, ingresado no Hospital Montecelo de Pontevedra, mentres que a primeira vítima mortal no noso país foi unha muller de 92 anos con múltiples patoloxías previas ingresada en Povisa.