Queres saber que centros de ensino están afectados pola Covid-19? Podes velos aquí

Nenos e nenas entrando nun colexio.
Publicamos a relación de centros de ensino que teñen casos positivos na Covid-19. Na mañá desta sexta feira, o conselleiro de Educación adiantaba "novidades significativas" sobre semipresencialidade.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, defendeu esta sexta feira que o ritmo de contaxios nos centros e institutos é "moi positivo" nestes momentos a pesar do incremento constante de casos de Covid-19 que se están confirmando nestas instalacións e que rozan xa o milleiro.

O titular de Educación argumentou que o 90% dos centros que rexistran positivos contan cun ou dous casos, o que evidencia, di, que as aulas son espazos seguros e que están a actuar a modo de 'cortalumes' para evitar a expansión da pandemia.

Neste sentido, vinculou os contaxios rexistrados con brotes ou situacións que se producen fóra das instalacións educativas, algo que confirmaron os propios rastreadores á administración galega.

Porén, as cifras, preocupan pola evolución ascendente e tamén polas incertezas que xeran respecto ao futuro inmediato da docencia nun contexto que non convida ao optimismo.

Neste contexto, o conselleiro apelou á "prudencia" e avanzou ademais que a próxima semana se anunciarán novidades e actuacións "moi importantes e significativas" relacionadas coa semipresencialidade, o que non descarta un potencial incremento do peso desta alternativa tendo en conta as novas restricións aplicadas por todo o territorio.

Na próxima segunda feira, Román Rodríguez reunirase cos sindicatos que forman parte da Mesa Sectorial do ensino, tal e como informou esta semana a CIG.

Podes consultar aquí os centros de ensino con casos positivos.