Que é a "triplodemia" e por que ameaza con agravar o colapso da atención sanitaria?

O virus da gripe, da Covid e o respiratorio sincitial ameazan o inverno. (Foto: Nós Diario).
Un experto en epidemioloxía prognostica un inverno complicado nos centros de saúde e nos hospitais ante o relaxamento excesivo da poboación en plena temporada de virus respiratorios.

O epidemiólogo e ex director de Acción Sanitaria en situacións de crises da OMS Daniel López Acuña insistiu en que a pandemia da Covid-19 "non terminou" e o feito de "relaxarnos excesivamente" está a xerar agora "un problema de triplodemia", de maneira que o "solapamento" da Covid, a gripe e o virus respiratorio sincitial "sitúanos ante un inverno e, especialmente unha tempada do Nadal, con alto risco de saturación" nos centros sanitarios.

O solapamento desas tres infeccións está a deixar unha incidencia na Atención Primaria de máis de 800 casos por 100.000 habitantes

Nunha entrevista a Onda Vasca López Acuña advertiu de que a pandemia da Covid non acabou aínda e o virus "segue activo, con tendencia a incrementarse, a potencialidade de mutar e xerar variantes ou sublinaxes máis infecciosos ou que escapen máis á eficacia vacinal".

Un relaxamento prematuro

"Non nos deixou libres por moito que nós esteamos a facer cousas coma se o virus desaparecese, como quitar a protección con máscaras, como non vacinarnos suficientemente, ou como baixar a garda con respecto ás medidas de vixilancia epidemiolóxica e de control da infección", apuntou.

Ao seu entender, "relaxámonos demasiado". O experto lembrou que "xa levamos 645 millóns de casos de Covid e houbo 6,6 millóns de falecementos" no mundo. No caso do Estado español, "13,5 millóns de casos e 116.000 mortes por Covid".

Segundo advertiu, "por relaxarnos excesivamente, estamos a ter agora un problema que algúns chamaron triplodemia", cunha alta taxa de incidencia de Covid, virus respiratorio sincitial, que produce bronquiolite en nenos, e gripe estacional.

Máscara en interiores

López Acuña explicou que "moito disto" estívose evitando en anos anteriores co uso da máscara e, na súa opinión, "non estamos aínda no momento" de suprimila en interiores porque, ademais, "tampouco estamos a facer o suficiente para mellorar a calidade do aire" que permita ter menos risco de contaxio en interiores mal ventilados.

Só temos perto de 47% de maiores de 60 anos con cuarta dose

O experto incidiu en que o "solapamento" desas tres infeccións está a deixar unha incidencia na Atención Primaria de máis de 800 casos por 100.000 habitantes cunha tendencia ascendente, o que "se traduce en hospitalizacións e saturación en unidades de coidados intensivos pediátricos por bronquiolites".

Vacinación

Tamén advertiu de que "non nos estamos vacinado ao ritmo que teriamos que facer", polo que hai que vacinar a "un ritmo moito maior", dado que no Estado "só temos perto de 47% de maiores de 60 anos con cuarta dose", que protexe contra novas cepas e "renova a protección inmunitaria".

López Acuña apunta un ritmo de vacinación lento con respecto ás segundas doses de reforzo, de sinalar que "practicamente uns 15 millóns de persoas, especialmente menores de 60 anos, non recibiron nin sequera unha terceira dose de vacina".

Neste sentido prognostica un inverno e especialmente unha tempada do Nadal con alto risco de saturación da Atención Primaria e de saturación da atención hospitalaria pola suma dos tres factores da triplodemia, que pode levar "de novo a unha situación de hospitalizacións incrementadas e posibles falecementos excesivos".