Por que están a aparecer polbos mortos nas praias de Porto do Son?
Son cefalópodos de pequeno tamaño.
Por que están a aparecer polbos mortos nas praias de Porto do Son (comarca de Noia)? Esta é a pregunta que moitos veciños e veciñas se están a facer estes días e que o BNG vén de levar ao Parlamento galego.
“Ten coñecemento o goberno galego da presenza numerosa de polbos pequenos mortos nas praias de Porto do Son no día de hoxe?”, preguntan os nacionalistas nunha pregunta oral rexistrada esta quinta feira na Cámara galega.
“Este Grupo Parlamentar vén de ter coñecemento da aparición dunha cantidade importante de polbos pequenos mortos nas praias do concello de Porto do Son”, indican. “Trátase, na súa inmensa maioría, de polbos que non acadan a talla comercial mínima que nesta época, ademais, non son habituais, abundando en maior medida polbos de máis tamaño”.
“Resulta, pois, ademais dunha moi mala nova, un achado sorprendente do que descoñecemos as súas causas”, recolle a pregunta do BNG.
Os nacionalistas pregunta ao Goberno galego se “ten recollido mostras para a súa análise e posterior determinación das causas desa mortaldade”, así como as actuacións que pensa desenvolver sobre esta situación.