En que estado se atopan os fondos mariños do Parque Nacional das Illas Atlánticas?

Unha das especies catalogadas pola Xunta. (Foto: Europa Press)
A Xunta levou a cabo unha serie de análises nos catro arquipélagos que conforman o parque nacional.

A Xunta vén de informar que as últimas análises realizadas con drons subacuáticos no Parque Nacional das Illas Atlánticas constataron o "bo estado de conservación" dos seus fondos mariños.

Segundo destacou o Goberno galego, o estudo dos hábitats e especies costeiras realizouse a través de censos visuais levados a cabo con inmersións de equipos de mergullo autónomo que tiveron lugar nos meses de maio e xullo nos catro arquipélagos que integran o parque.

Así mesmo, explicou que os tramos elixidos para estas inmersións foron os mesmos que os seleccionados no ano 2014 para traballos previos de seguimento de comunidades biolóxicas.

As gravacións efectuáronse con 'Seasam Rov', un dispositivo proporcionado por Zoomare cunha capacidade de alcance de 100 metros de profundidade. Ademais, os mergulladores ían equipados con computadores submarinos que rexistraron a profundidade e a temperatura en cada punto do percorrido. Despois, levouse a cabo o estudo das imaxes no laboratorio coa elaboración dun inventario caracterizado en función da presenza das especias máis notables.

Resultados das análises

Despois de levar a cabo estas análises, cuantificouse o número de individuos observados dun total de 21 especies piscícolas, seleccionadas en base á súa presenza habitual nos hábitats do parque e clasificadas baixo as categorías de presente, abundante e moi abundante.

No caso do arquipélago das Cíes, localizáronse nove novos hábitats con respecto a 2015 mentres que na Illa de Ons seis hábitats experimentaron cambios, dando lugar á aparición de cinco novas zonas naturais.

Ademais, en Sálvora, que conta con cinco hábitats distintos con respecto ao estudo feito fai sete anos, apareceu unha zona de roca dominada por invertebrados con corais.

Por outra parte, no que respecta a Cortegada, non se observaron grandes cambios no fondo dos espazos analizados, aínda que manteñen os traballos para retirar exemplares de leituga de mar, despois de detectarse unha elevada presenza desta especie.