O PSdeG suspende de militancia o concelleiro de Cospeito detido por violencia machista
Daniel Irimia, que se acolleu ao seu dereito a non declarar, está investigado por un delito de lesións.
O secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé, anunciou esta terza feira, que se suspenderá de militancia ao concelleiro e portavoz da formación en Cospeito (A Terra Chá), Daniel Irimia, que está a ser investigado por un delito de lesións após ser detido por axentes da Garda Civil acusado de empurrar a súa parella nunha voda que se celebraba en Vilalba.
Ao acusado, que se acolleu ao seu dereito a non declarar e que tampouco fixo máis declaracións, non se lle impuxo ningunha medida de protección porque tampouco se solicitaron. Polo momento, tampouco se cursou denuncia por parte da vítima.
Neste contexto, Tomé reiterou que o partido "non tolera ningún tipo de violencia, e menos se é machista" e sinalou que esta suspensión queda pendente "das conclusións xudiciais e de se hai responsabilidades ou non".
O responsábel socialista asegurou que a resposta da formación ante os feitos é "inmediata", comparando esta "con outros que sabendo da situación, pasan meses antes de actuar".
Os feitos dos que se acusa Daniel Irimia sucederon a última hora da festa cando, ao parecer, o portavoz socialista tería empurrado á súa parella, que caeu ao chan.
Tras iso, unha patrulla da Garda Civil desprazouse ao lugar e posteriormente detiveron o home, que foi trasladado a dependencias policiais, onde permaneceu até a segunda feira.