O PSdeG alerta do colapso das urxencias hospitalarias na Galiza

Elena Espinosa no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

Espinosa denuncia que a Atención Primaria deixou de cumprir a súa función e reclama ao Goberno galego máis persoal e medios.

 

A voceira de Sanidade do grupo PSdeG, Elena Espinosa, vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta da Galiza unha solución para "pór fin" ao colapso das urxencias hospitalarias.

A deputada do PSdeG demanda ao Goberno galego a posta en marcha de alternativas con carácter "urxente e con orzamento definido" para unha problemática que se agravou nas últimas semanas pola falta de persoal e o incremento das doenzas de tempada.

Elena Espinosa advirte dunha situación de "sobresaturación xeneralizada" que  está a ter "consecuencias directas" na atención á cidadanía e no propio funcionamento do sistema sanitario, aumentando a presión nos diversos niveis asistenciais.

A parlamentaria socialista denuncia os graves problemas que se están a vivir en diferentes centros hospitalarios. A este respecto, desvela que no hospital pontevedrés de Montecelo reprogramáronse intervencións cirúrxicas non urxentes, sendo atendidas no CHUS "máis de 500 persoas" nunha xornada.

Atención Primaria

"As urxencias levan tempo soportando unha presión estrutural derivada do enfraquecemento da Atención Primaria", criticou Espinosa, quen alertou que o primeiro nivel asistencial da rede sanitaria non está a cumprir a súa función.

Espinosa asegura que a Atención Primaria "deixou de funcionar como porta de entrada real ao sistema sanitario, trasladando ás urxencias casos que deberían ser atendidos no primeiro nivel asistencial".

A voceira en materia sanitaria do grupo do PSdeG considera que a Xunta da Galiza mantén un "discurso alleo á realidade". Neste sentido, critica que o titular de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, afirmase diante da situación de "colapso" das urxencias que o sistema "respondeu con normalidade e sen incidencias destacábeis".

Un plan de reforzo das urxencias

O PSdeG urxe ao Goberno galego a elaborar e presentar, nun prazo máximo de tres meses e con orzamento definido, un plan integral de actuación para os servizos de urxencias galegos, que inclúa un "reforzo estrutural e suficiente dos recursos humanos".