A próxima semana comezará na Galiza a vacinación ao grupo de 20 a 29 anos

Campaña de cribados na xente moza en Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press) #vacinación #comitéclínico #restricións #coronavirus #covid19 #contaxios #sanidade #xunta #pandemia
Feixoo quéixase de que se necesitan máis doses.

Galiza comezará a vacinar a próxima semana ao grupo de poboación de 20 a 29 anos unha vez terminada a de maiores de 40 anos e administrar a primeira dose aos de 30 a 39 anos.

Así o anunciou esta cuarta feira Núñez Feixoo, na rolda de prensa para informar as medidas adoptadas polo comité clínico .

O presidente insistiu en que non hai vacinas suficientes. "O problema principal é que non temos vacinas", lamentou, para afirmar que seguirán reclamando doses.

Feixoo afirmou que hai un "problema importante" de desabastecemento de vacinas. "Precisamos máis vacinas", sinalou e indicou que non hai doses abondo: "nin sequera fomos capaces de vacinar os menores de 30 anos". Por iso, dixo, a Xunta vai seguir "a reclamar" vacinas. "De ter vacinas, non teriamos que adoptar estas medidas".

Máis do 66% dos galegos a vacinar está inmunizado contra a Covid-19. Máis da metade dos mozos e mozas de entre 30 e 39 anos, suscepíbeis de recibir a vacina, contan polo menos cunha picada.

Por grupos de idade, recibiron polo menos unha dose até o momento 131.253 persoas maiores de 85 anos; 96.095 de 80 a 84 anos; 134.295 de 75 a 79 anos; 152.827 de 70 a 74 anos; 161.346 de 65 a 69 anos; 175.107 de 60 a 64 anos; 181.436 de 55 a 59 anos e 194.314 de 50 a 54 anos.

A elas súmanse 201.406 persoas de 45 a 49 anos e 188.563 de 40 a 44 anos. Deste modo, até o momento foron vacinados 389.969 cidadáns de 40 a 49 anos, un 88,03% duns 443.000 habitantes desta franxa de idade.